CulturaCulturaÚltima hora

A Xunta investirá 3 millóns de euros na sinalización do Camiño de Inverno

A actuación, prevista para o ano que vén, será en 175 quilómetros de trece concellos

Peregrinos polo Camiño de Inverno. /Foto cedida.

 

“En 2020 estará rematada a sinalización de todos os itinerarios do Camiño de Santiago tras un investimento de 12 millóns de euros”. Así o adiantaba Alberto Núñez Feijóo tralo Consello da Xunta do 21 de novembro, asegurando que “dende 2015 sinalizáronse máis de 1.650 quilómetros do Camiño con máis de 5.542 sinais en 126 concellos das 4 provincias. En concreto, instaláronse 3.752 fitos de pedra, 1.135 cunchas de cerámica, 165 cunchas de bronce e 490 sinais verticais”, dixo.

No referido ao desenvolvemento do plan, neste 2019 estase executando a sinalización da Vía da Prata cun investimento de 2,1 millóns de euros para instalar 788 sinais ao longo de 403 quilómetros de 33 concellos. E o vindeiro ano completarase o Camiño de Inverno, o único que queda pendente, cun orzamento previsto de 3 millóns de euros, recollidos no proxecto de Lei de orzamentos para 2021, para actuar en 175 quilómetros de 13 concellos.

A modo de balance, o presidente da Xunta explicou que desde 2015 cada ano se acometeu a sinalización dunha ruta, comezando nesa data polo Camiño Francés cun investimento de máis de 750.000 euros que permitiron instalar 840 sinais en 194 quilómetros ao longo de 12 concellos. O ano seguinte investíronse 1,1 e 1,7 millóns de euros na instalación de sinais nos Camiños Primitivo -665 sinais en 132 quilómetros de 7 concellos- e no Camiño do Norte -1.226 sinais en 274 quilómetros de 12 concellos-, respectivamente.

A continuación, no ano 2017, o Camiño Inglés recibiu 805.000 euros para instalar 914 sinais en 146 quilómetros de 18 concellos e tamén se actuou no Camiño de Fisterra e Muxía con 560.000 euros, que favoreceron a instalación de 779 sinais en 147 quilómetros ao longo de 9 concellos.

Finalmente o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa contaron en 2018 cun investimento de 1,7 millóns de euros para instalar 330 sinais en 209 quilómetros de 22 concellos.

Artigos relacionados

Back to top button