ConcellosÚltima hora

A Xunta mellora o dispositivo material e humano para loitar contra o lume

O operativo anti incendios está formado por máis de 7.000 persoas que dispoñen dunha trintena de medios aéreos e de 378 motobombas

Traballos de prevención.

 

Aínda que incendios pode haber todo o ano, é nos meses de verán cando se establece a tempada de alto risco e para este período, a Xunta reforza a loita contra o lume forestal coa mellora dos seu dispositivo tanto material como humano, intensificando ademais a colaboración con outras administracións.

Tal como recolle o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021), o número total de medios aéreos dispoñibles rolda a trintena, un número semellante ao dos últimos anos, contemplando tanto os medios da Consellería do Medio Rural como os do Estado. Nesta tempada de alto risco tamén se implantou o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real, para poder coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos, etc.

O Pladiga 2021 tamén inclúe melloras tecnolóxicas e, nese sentido, consolídase a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración, coa instalación este ano de 22 novos dispositivos, o que supón un total de 142 en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.

 

Traballos de prevención.

 

Con respecto aos medios humanos e materiais mobilizados no Pladiga mantéñense, en liñas xerais, en valores similares aos das últimas campañas, cun operativo integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións. Os medios terrestres incorporan 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Así, o número total de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378. Nesta liña, renovarase tamén o parque móbil do Servizo autonómico, coa adquisición de 6 novas motobombas e a renovación doutros vehículos.

Plan de Formación

Outro dos plans incluídos no Pladiga é o de formación, co que a Xunta imparte este ano preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo, dentro dunha iniciativa que tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía ata o ano 2024. Nesta planificación contémplanse catro programas, dous para o persoal da Xunta, outro para os concellos e un cuarto para a sociedade do rural.

 

Formación sobre o terreo.

 

Entre as accións realizadas e previstas para o outono-inverno están 31 cursos, en modalidade presencial, telemática ou mixta, para os profesionais da Xunta e 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal. Tamén se contempla a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de autoprotección fronte ao lume.

Entre os proxectos de futuro da Xunta na loita fronte aos incendios, está a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén; e a creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos transfronteirizos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros.

Colaboración coa Fegamp

Outra ferramenta para a loita contra o lume é o convenio de colaboración subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, ao que están adheridos 270 concellos.

Froito desta colaboración estase levando a cabo a xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega, que está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo. A eles  sumaranse outros 30 nas parroquias non priorizadas dos 81 concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas que contan con parroquias priorizadas.

 

Punto de auga.

 

Teléfonos para alertar de lumes e da actividade incendiaria

Está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Artigos relacionados

Back to top button