SanidadeÚltima hora

A Xunta pedirá a ratificación do certificado Covid para a entrada na hostalaría nos niveis máis altos de restricións

 

A Xunta de Galicia solicitará, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a ratificación do requisito do certificado Covid para a entrada na hostalería nos niveis máis altos de restricións (máximo e alto, para evitar o peche que había antes e no ocio nocturno en medio e medio baixo para permitir abrir). O executivo galego considera que o máis procedente “é solicitar, canto antes, dita autorización, para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia destes certificados e fomentar así a seguridade xurídica”. A autorización poderá ser solicitada mañá pola mañá, para poder obter o criterio do TSXG de xeito inmediato.

Dende o goberno galego tamén se sinala que “o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao fío da decisión dunhas medidas cautelares presentadas contra a regulación sanitaria que esixe a presentación de certificados para o acceso ao interior de determinadas establecementos, e pese a desestimar a medida de suspensión solicitada, manifestou que, no seu criterio, a medida non podía ter efectos porque non fora sometida a autorización xudicial, dado que afecta a dereitos fundamentais”.

Aínda que a Xunta entendeu que as medidas en cuestión non afectan a dereitos fundamentais, á vista do criterio posto de manifesto polo TSXG, o executivo galego estima que o máis procedente “é solicitar a autorización canto antes”.

A Administración autonómica lembra que, en todo caso, “o seu empeño é garantir o libre exercicio destas actividades económicas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible”. Así mesmo, recorda que “a esixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalería e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como do lecer nocturno, en circunstancias en que antes estaba suspendida. Por iso, enténdese que a esixencia de certificados é, en todo caso, unha medida alternativa menos gravosa ao peche destas actividades”.

En particular, dende a Xunta considérase que estas medidas se basean no artigo 38.1, “Medidas preventivas en materia de saúde pública”, da Lei de Saúde pública de Galicia, (redactado pola Lei 8/2021), que permite que ao “obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación”.

Estas medidas poderán consistir en: “Medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades”. Así mesmo tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, ao permitir o establecemento polas autoridades sanitarias dunha obriga de “subministración de datos” necesarios para o control e contención de riscos para a saúde pública.

Artigos relacionados

Back to top button