EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xunta permitirá a celebración de mercados locais a partir do 4 de maio

Farase "sempre baixo estritas condicións de seguridade" aprobadas polo goberno galego a finais de marzo

 

A partir do vindeiro luns 4 de maio a Xunta de Galicia permitirá que os concellos celebren mercados locais de produtos agroalimentarios, “sempre baixo estritas condicións de seguridade”.

Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen trasladou esta decisión durante a súa participación, por vía telemática, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural xunto co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os seus homólogos das diferentes comunidades autónomas.

O goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” do proceso de desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo pasado, para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social. Ademais, apoiou esta decisión no feito de que outras comunidades españolas xa abriron estes mercados.

José González lembrou que o Goberno galego solicitou esta medida en varias ocasións e agora entende que se dan as circunstancias para adoptala. E engadiu, cómpre ir abrindo estas canles de venda, sobre todo tendo en conta que se mantén o peche da hostalaría e a restauración.

En parecidos termos, José González reclamou tamén ao ministro a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas. Advertiu que esta medida é demandada polo sector e considerouna necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións.

Artigos relacionados

Back to top button
Close