EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A Xunta pon a disposición dos axentes sociais unha guía con recomendacións para previr o coronavirus nos centros de traballo

Inclúe medidas preventivas básicas que se deben de ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias sobre o coronavirus

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, vén de manter na mañá do 16 de marzo un encontro a través de videoconferencia coas diferentes delegacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) encargadas da elaboración dunha guía onde se recollen as medidas de prevención fronte ao coronavirus que se deben adoptar en todos os centros de traballo e que xa foi trasladada aos diferentes axentes sociais.

A guía, que a Xunta puxo á disposición das confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, asociacións de autónomos, federacións de comerciantes e clústers galegos, inclúe medidas preventivas básicas que se deben de ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias sobre o coronavirus. “A prioridade é garantir a seguridade daquelas persoas que deben acudir aos seus postos de traballo de acordo ao establecido no Real Decreto aprobado polo Goberno”, segundo Economía. Así, ademais de información xeral sobre esta doenza, o texto recolle recomendacións dirixidas ás empresas, aos autónomos e ás persoas traballadoras.

Este documento recoméndalle ás empresas “elaborar un procedemento de prevención e identificar ao persoal especialmente sensible a este risco – embarazadas, traballadores con enfermidades crónicas ou con patoloxías recorrentes, etc.- por se fose necesario establecer medidas específicas para a súa protección ou modificar as súas funcións dentro da empresa”.

 

O conselleiro de Economía durante a videoconferencia./ Foto cedida.

 

Tamén fala da necesidade de “distribuír entre o persoal material informativo para prever o contaxio do coronavirus, coas pautas a seguir no caso de que unha persoa estea afectada pola doenza. Comina ás empresas a establecer medidas de distanciamento social e a restrición de viaxes segundo indiquen as autoridades en cada momento. E, por último, recolle información sobre a limpeza dos centros de traballo”, tal e como informa Economía.

Con respecto ás persoas traballadoras, este documento detalla máis en profundidade “hábitos hixiénicos a ter en conta e como actuar no caso de sospeita de infección. Neste sentido, lembra que de padecer a doenza ou estar sometido a illamento preventivo, o traballador ten dereito á baixa nas mesmas condicións que as de accidente de traballo”.

 

 

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde insistiu en que a prioridade neste momento é aplicar as medidas de prevención recomendadas para minimizar o impacto desta situación, e sinalou que “o labor máis importante que podemos facer agora é trasladar confianza ao tecido empresarial e aos traballadores”.

Conde concluíu agradecendo aos traballadores do Issga o seu labor de asesoramento e información, e a súa implicación na elaboración desta guía, o que demostra, dixo, “a súa vocación de servizo público”.

Pode accederse á guía aquí: RECOMENDACIÓNS ISSGA CORONAVIRUS

Fotos: Carlos G. Hervella (agás a do conselleiro de Economía).

 

Artigos relacionados

Back to top button