ConcellosÚltima hora

A Xunta propón crear un GES na Veiga e outro en Maceda

O do concello valdeorrés abarcaría ademais aos municipios do Bolo, Carballeda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na reunión por videoconferencia da Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

 

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron hoxe por videoconferencia na Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), na que tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais.

Nesta xuntanza, entre outros asuntos, a Xunta deu a coñecer a súa proposta para mellorar e completar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, a través de 6 novas agrupacións -5 GES e un servizo municipal financiado pola Xunta-, ademais dun novo emprazamento para o GES de Terra Chá-Lugo para que a base de Guitiriz pase a Friol pola renuncia do primeiro. Esta alternativa proponse en base a criterios técnicos co obxectivo de dar resposta á poboación da zona.

A proposta da Xunta será estudada polos integrantes da comisión de seguimento, que volverá a reunirse para proceder á súa votación. A intención do Goberno galego é crear 6 novos servizos de emerxencias -1 na provincia da Coruña, 2 en Ourense e 3 en Pontevedra-, coa colaboración dos concellos e deputacións provinciais, para ofrecer unha mellor atención e tempos de resposta.

Na provincia da Coruña, a Xunta propón constituír o servizo municipal de Noia con sede no concello noiés e que inclúa ademais deste municipio aos de Lousame e Porto do Son. En Ourense a proposta inclúe 2 novos GES: un con sede na Veiga que abarque tamén aos concellos de O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Viana do Bolo e Vilariño de Conso; e outro en Maceda, do que formarían parte ademais Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

En materia de financiamento, a Administración autonómica reafirmou o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES, postos en marcha en 2013 en consenso entre a Xunta, deputacións e concellos

Artigos relacionados

Back to top button