EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xunta reactiva a renovación trimestral da demanda de emprego e facilita o uso de medios non presenciais

 

Exterior da Casa Grande de Viloira (O Barco), onde se sitúa a oficina de emprego en Valdeorras.

 

A partires do próximo 1 de xaneiro retomarase a renovación trimestral do documento de demanda de emprego que nos últimos meses se facía de xeito automático por mor da pandemia, segundo vén de informar a Xunta de Galicia. Para preservar as condicións de protección e seguridade anticovid nas 54 oficinas coas que conta o Servizo Público de Emprego en Galicia, impulsarase a anovación por medios non presenciais: vía web (sen necesidade de autenticación), por medio do teléfono 012 e pola aplicación móbil Mobem.

A Administración autonómica xa iniciou os contactos cos usuarios do Servizo Público de Emprego -por correo electrónico e a través de mensaxería móbil- e colocará avisos en todas as súas dependencias para dar conta das novidades. A principal consiste na volta ao sistema habitual de renovación da demanda cada tres meses, despois dun período extraordinario no que o documento se viña validando de xeito automático para evitar desprazamentos innecesarios de usuarios ás oficinas.

Para preservar a protección, tanto das persoas traballadoras do servizo como da cidadanía, a Xunta vén de reforzar os mecanismos para efectuar a renovación por medios telemáticos.

A renovación é necesaria para acreditar a condición das persoas como demandantes de emprego, requisito, por outra banda imprescindible, para percibir as prestacións por desemprego. Para facela, a Xunta vén de ampliar os seus mecanismos non presenciais e anima aos usuarios facer as xestións a través da oficina virtual, da aplicación para teléfonos móbiles Mobem, directamente no Portal de Emprego de Galicia ou a través do teléfono de atención 012. Nestes dous últimos casos trátase de achegar mecanismos sinxelos e áxiles de tramitación para os que é preciso simplemente dispor de DNI ou NIE e dun PIN que facilitará a Xunta ás persoas usuarias.

Para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía, por outra banda, a atención presencial seguirá a realizarse exclusivamente a través do sistema de cita previa. Deste xeito, pode solicitarse, como ata o de agora, con 24 horas de antelación e por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia ou do servizo de atención telefónica 012.

Ante a demanda de renovación agardada para os primeiros días de ano, e para atender nas mellores das condicións aos usuarios, a Xunta flexibilizará a validez dos documentos que deban renovarse ata o día 10 de xaneiro, que se estenderá ata o día 20 do mesmo mes para dar marxe á cidadanía a informarse do fin do período extraordinario de renovación automática.

As 54 oficinas de emprego, dependentes da Administración autonómica, están abertas desde o pasado 1 de xullo, logo de aplicar un plan de continxencia, de acordo coa guía de recomendacións de seguridade e saúde fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, elaborada polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), que supuxo un investimento de máis dun 1,1 millón de euros.

Artigos relacionados

Back to top button