SanidadeÚltima hora

A Xunta recibe 8 ofertas para executar as obras de reforma da UCI do Hospital de Ourense

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación

Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta de Galicia vén de recibir un total de 8 ofertas para executar as obras da reforma da Unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital universitario de Ourense. A actuación conta cunha licitación de 9.441.868 euros, e o seu prazo de execución establécese en 21 meses.

“O Hospital universitario de Ourense renovará e triplicará o espazo actual da súa Unidade de coidados intensivos, ampliando as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal. Así, levarase a cabo unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI, cos seus correspondentes espazos asistenciais e administrativos de apoio. Con esta obra, adecúanse os requirimentos estruturais da UCI referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, de xeito que permita á atención aos pacientes críticos con necesidades de ingreso, cumprindo tanto a normativa vixente como a específica relativa ao control da pandemia do Covid-19”, segundo a Consellería de Sanidade.

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. “Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial durante a pandemia. Para isto, foi preciso unha complexa reordenación dos espazos, tanto das unidades de críticos como do bloque cirúrxico, que deberon intercambiar áreas e trasladar parte da súa actividade”, indican dende Sanidade.

“Á complexidade de execución da obra por mor do seu emprazamento, engádese a da súa funcionalidade, para doentes críticos en xeral, incluindo pacientes contaxiosos, sendo ademais das máis esixentes tecnicamente, xa que deberá incluir unha especial climatización, illada da do resto dos hospital, e actuar nas fachadas, intervindo en dous edificacións neste intre separadas”, engade a consellería.

Investimento na sanidade pública de Ourense

Esta actuación forma parte dun proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá anunciado o pasado 2 de xullo polo presidente da XuntaA, que contempla investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria e que xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación nesa mesma xornada dunha obra de 52,6 millóns no CHUO consistente nun novo edificio de hospitalización e da reforma do hospital materno-infantil e, posteriormente, coa licitación a finais de xullo do proxecto arquitectónico que permitirá converter o Centro de Saúde Novoa Santos no primeiro Centro Integral de Saúde da provincia grazas a un investimento que se achegará aos 9 millóns de euros e que permitirá a súa reforma integral.

Artigos relacionados

Back to top button