ConcellosÚltima hora

A Xunta reparte máis de 1.700 mascarillas e 25.500 guantes entre 17 municipios ourensáns

Trátase do primeiro envío de material urxente de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais

 

A Xunta, a través da delegación territorial de Ourense, iniciou esta mañá o reparto entre os concellos da provincia do primeiro material urxente de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais. Concretamente, neste primeiro envío repartiranse máis de 1.700 mascarillas e 25.500 guantes entre 17 municipios ourensáns.

Este reparto de material é unha das funcións asignadas ao Posto de Mando Avanzado (PMA) constituído o pasado sábado para coordinar todas as accións na provincia durante o estado de alarma polo coronavirus co obxectivo de mellorar a coordinación cos concellos na loita contra o COVID-19.

Ademais, desde a Delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia levouse a cabo, no día de hoxe con estes equipos de limpeza, actuacións en San Amaro, Maside, Amoeiro, Arnoia, A Peroxa, Vilamarín, Rubiá, A Rúa, Vilardevós, Riós, Vilar de Barrio e Lobeira.

 

 

Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información. Ademais, actúa como un punto de información para os concellos.

O Punto de Mando Avanzado tamén está canalizando a través do 112 as ofertas de donación de material que se reciban nas delegacións. Tamén está organizando a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, de acordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).

Artigos relacionados

Back to top button