OurenseÚltima hora

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros reunirá en Monterrei a músicos de Galicia, Asturias, Escocia, Irán, India e Xapón

A XXXIII edición do evento celebrarase o vindeiro sábado, 9 de xuño, no Castelo

En memoria do insigne mestre gaiteiro-artesán Antón Varela “Tonecho” se celebrará a XXXIII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros que reunirá o vindeiro sábado no Castelo de Monterrei a músicos de Galicia, Asturias, Escocia, Irán, India e Xapón.

Na presentación, que tiña lugar na mañá do 5 de xuño no Pazo Provincial de Ourense, o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo explicou que esta edición “está dedicada de maneira especial ás gaiteiras, polo cal actuarán destacadas instrumentistas como Brighde Chaimbeul, de Escocia, número un de Europa, ou The Snake Charmer, da India, considerada a gaiteira máis famosa do mundo”.

A novidade desta edición é a exposición de gaitas primitivas no hospital do Peregrino, no Castelo de Monterrei, que poderá visitarse do 8 de xuño ao 11 de xullo de mércores a domingo, en horario de 11 a 14 e de 16:30 a 20:30 horas.

O encontro, presentado por Ángeles González Pérez, comezará ás 19 horas coa interpretación do Himno da Xuntanza e rematará coa actuación da Real Banda de Gaitas co Real Coro. E entre medias, actuarán entre outros, Emilio Rúa con Liana Sharifian (Irán) e Marco Foxo; Real Coro Toxos e Froles de Ferrol; Gaiteiros de Flariz-Monterrei ou Miki Shirakwa (Xapón).

No acto, tamén se presentou a “gaita do mes” do Museo Internacional de Cornamusas, que nesta ocasión está adicada a Gajda de Croacia. A música durante a presentación correu a cargo dunha representación da Real Banda de Gaitas: as cantareiras Ana Belén Rodríguez e Cristina Pardo, e o gaiteiro Marco Foxo, quen interpretaron a obra “Pastora do Courel”.

 

Cartel da XXXIII Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

 

Artigos relacionados

Back to top button