DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A XX Volta a Valdeorras homenaxea aos fundadores do club

Germán Arias (CD 2020) foi o ciclista máis rápido da carreira que recupera o carácter competitivo

Despois dun ano sen celebrarse, a Volta a Valdeorras organizada polo Club Ciclista Valdeorras regresaba esta mañá ao calendario deportivo da comarca. E facíao recuperando o carácter competitivo (as anteriores edicións era cicloturista), e coa participación de preto de 110 ciclistas.

Outra das novidades desta XX edición da carreira foi o punto de saída, pasando da praza do Concello á rúa Academia Dequidt. De aí saían os 106 corredores que na mañá do 30 de xuño completaban os 106 quilómetros do percorrido por boa parte da comarca de Valdeorras, Terras de Trives e mesmo Quiroga e San Clodio (incluído a subida ao alto da Moá).

 

Membros da Garda Civil de Tráfico.

 

O pelotón permanecía neutralizado ata chegar a Quiroga e a partires de aí cada quen rodou ao seu propio ritmo. O primeiro en chegar á meta, coma sempre na rúa Calabagueiros (xunto ao pavillón), foi Germán Arias Coca (CD 2020 de Ponferrada), que voaba sobre o asfalto completando o percorrido nun tempo de 3:36:31. Segundo foi Daniel Regueiro Lage (Chantadino Máster Team); e terceiro, Ramiro dos Santos Fernández (independente). Na categoría feminina, a máis rápida foi Carmen Rodríguez Álvarez (CD 2020 de Ponferrada) que tamén recibía o premio ao ciclista máis xove, seguida por Marlén Otero Vega (CD 2020 de Ponferrada) e Obdulia García Picallo (Tri Eume As Pontes). O premio para o corredor de maior idade foi para José Antonio Lado Lestón, mentres que o CD 2020 recollía o seu como club máis numeroso con dez membros na carreira.

 

O pelotón da XX Volta a Valdeorras na N-120 ao seu paso pola Rúa.

 

Esta é a primeira Volta a Valdeorras coa nova directiva ao fronte do club, que se estraba rendindo homenaxe aos fundadores: José Luis Gamarra Mondelo, Enríque Fernández Leivas, José Manuel Nuevo López, José Ramón Rodríguez Castro, José Alberto Vega Paniagua e Agustín Ferreira Teixeira.

Como en edicións anteriores, ademais dos avituallamentos ao longo do percorrido, houbo petiscos no pavillón ao rematar a carreira (o último chegou antes das dúas e cuarto). E como é de ben nacido ser agradecido, dende o CC Valdeorras agradecen a colaboración de todos os que fixeron posible este evento deportivo: Policía Local, Garda Civil de Tráfico, GES, Protección Civil, os concellos polos que pasou a proba, os patrocinadores e todos os voluntarios “sen os cales non tería sido posible”, aseguran dende a directiva, destacando ademais a colaboración do Club Jabalíes da BTT da Rúa.

 

Os ciclistas ao seu paso polo Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button