EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A XXI Feira do Viño de Valdeorras reunirá a vinte adegas o 14 e 15 de xullo en Viloira (O Barco)

Ademais das catas, nesta fin de semana non faltará a música coa actuación de varias charangas, a Real Banda de Gaitas da Deputación, Os Bertolini e Caravan Band

Na fin de semana do 14 e 15 de xullo a praza de Viloira (O Barco) acollerá a XXI Feira do Viño de Valdeorras. Como limiar terá a XIX Cata oficial da feira, prevista para o 13 de xullo e na que concursarán 18 das adegas que contarán con expositor no certame. O concurso inclúe as categorías de brancos e tintos (con tres premios en cada unha delas) e unha terceira de “viños de diferentes colleitas”, na que se entregarán dous galardóns, tal e como sinalaba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras na presentación da mostra, na mañá do 10 de xullo. Estes últimos premios levarán ademais o nome de Florencio Delgado Gurriarán.

Para o mediodía do 14 de xullo está prevista a inauguración da XXI Feira do Viño de Valdeorras, momento no que soará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. No seu recinto poderán visitarse as casetas de vinte adegas, tres máis que na pasada edición: A Coroa, O Cepado, Alán, Cooperativa Xesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Godeval, Eladio Santalla Paradelo, Felipe Mayo Alonso, Guitián y Blanco, Joaquín Rebolledo, María Teresa Núñez Vega, Adega Melillas e Fillos, O Casal, Quinta da Peza, Roandi, Ruchel, Sampayolo, Santa Marta, Viña Costeira e Virxen de Galir. García Pando agradecía o apoio das adegas, resaltando que nesta edición incrementouse o número de expositores.

O horario de apertura do recinto feiral nas dúas xornadas será de 12:30h. a 14:30h. pola mañá e de 19:30h. a 23h. pola tarde. A mostra complementarase durante a fin de semana coa animación musical de charangas (Fuego e Terras do Bibei) e cos cantos de taberna dos Bertolini de Manzaneda. E na tardiña do sábado 14 de xullo ás 22:30h. está programada a actuación do grupo Caravan Band, segundo comentaba o alcalde do Barco, Alfredo García, que acompañaba ao presidente do CRDO Valdeorras durante a rolda de prensa. Tampouco faltarán propostas lúdicas para os máis pequenos, entre as que se incluirán os inchábeis e actividades con monitores de tempo libre.

Ademais durante a fin de semana funcionará (en horario de mañá e tarde) o tren Valdeorras Expresso, que percorrerá O Barco facendo as mesmas paradas que o ano pasado (Calabagueiros, hospital, Concello do Barco e praza de Viloira).

Esta fin de semana festiva adicada ao viño no Barco terá como aperitivo a terceira edición da Ruta dos Pinchos da Feira do Viño de Valdeorras. Terá lugar entre os días 12 e 13 de xullo por 16 establecementos de hostalaría barquenses. Cada un deles ofrecerá un “pincho” diferente e orixinal que poderá acompañarse dun viño.

Fotos: A.R.
Máis información:
https://osil.info/a-iii-ruta-dos-pinchos-da-feira-do-vino-de-valdeorras-os-dias-12-e-13-de-xullo/

Artigos relacionados

Back to top button