ConcellosÚltima hora

A XXII Cata de Valdeorras premia a oito viños da denominación

Ademais de 3 galardóns en brancos e outros tantos en tintos, distinguía a 2 viños na mención de outras anadas

Premiados e autoridades asistentes ao acto.

 

Na noite do venres 9 de xullo tiña lugar, no decurso dunha cea, a entrega de premios da XXII Cata Oficial de Valdeorras, que este ano estivo novamente aberta a todas as adegas interesadas en participar (tamén con presenza no Túnel do Viño de Valdeorras que nesta fin de semana se desenvolverá na barquense praza de Viloira).

Un total de 19 adegas, con 59 referencias distintas, participaron nesta edición da cata, que se desenvolvía na mañá do mesmo venres na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras en Vilamartín. Os viños eran valorados por un panel formado por oito catadores.

O acto de entrega, que se desenvolvía no Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco), presidíao o conselleiro do Medio Rural, José González, e nel tamén interviñan o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; e a vogal do C.R.D.O. Valdeorras, Araceli Fernández.

 

Galardoados na Cata da D.O. Valdeorras.

 

Estes son os resultados da XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, na que se outorgaban un total de 8 recoñecementos:

Viños brancos

1º Premio- A Coroa Godello de Adega A Coroa S.A.T.
2º Premio- Viñaredo Godello de Bodega Santa Marta S.A.T.
3º Premio- Godeval Godello Cepas Vellas de Bodega Godeval S.A.T.

Viños tintos

1º Premio- Lagar do Cigur Mencía de Adega Melillas e Fillos S.L.
2º Premio- Maruxa Mencía de Virgen del Galir S.L.U.
3º Premio- Joaquín Rebolledo Mencía de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.

As mencións especiais “viños doutras añadas”:

Brancos: Pedrazais Godello 19 de Adega Alán S.A.T.,
Tintos: Joaquín Rebolledo Barrica 19, no caso dos tintos.

Durante o acto, Araceli Fernández, en representación do CRDO Valdeorras, destacaba que “o síntoma máis evidente de que o sector vitivinícola valdeorrés goza de boa saúde é que cada vez son máis os viticultores que apostan por realizar novas plantacións no noso territorio amparado. Así o amosa o aumento que se produciu nas hectáreas de viñedo cultivado nos dous últimos anos e así se evidencia tamén polas solicitudes que se fixeron para plantar novas terras de cara aos vindeiros meses”.

 

O conselleiro do Medio Rural.

 

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, resaltaba o carácter, a diversidade e a calidade dos viños galegos en xeral, e dos de Valdeorras en particular, indicado que “o sector vitivinícola galego goza dunha posición e dun recoñecemento claves dentro e fóra de Galicia”.

Así mesmo, José González, poñía en valor a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia como unha “planificación económica, territorial e turística, mostra da necesaria unión de diferentes esforzos a prol dun sector clave”. E matizaba que esta estratexia representa a “aposta clara” do goberno galego e “o noso compromiso a prol dos 10.000 viticultores e das case 500 adegas do sector vitivinícola da comunidade”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button