ConcellosGalerías de fotosQuirogaÚltima horaVídeos

A XXIX Mostra do Mel de Quiroga, o toque máis doce das Festas de Verán

Tres apicultores locais ofrecían o seu produto neste evento, animado pola música da charanga BB+

 

Coincidindo, unha vez máis, coa feira máis grande do ano na vila de Quiroga, na mañá deste luns 10 de agosto a rúa Real convertíase en escenario da XXIX Mostra do Mel, nunha edición insólita e marcada polas medidas de seguridade fronte ao Covid. Nela apostábase, novamente, pola promoción deste doce produto local, de gran calidade e variedade.

Tres apicultores ofrecían os seus meles, así como poles e propoles, ás persoas que percorrín o recinto feiral, no que tamén podían mercarse outro tipo de produtos tradicionais da zona como aceites, licores ou marmeladas. A mostra completábase ademais cos postos de tres artesáns locais.

“É unha Mostra do Mel atípica con respecto a anos anteriores”, comentaba o concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera, “contamos con tres colleiteiros e con tres artesáns locais, non se puido facer máis, pero polo menos conseguimos non perder este evento. E esperamos que no vindeiro ano esta situación de crise sanitaria xa teña pasado e poidamos volver á celebración de anos anteriores, que é o que desexamos todos”.

 

O concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera.

 

A mostra, que forma parte do programa de actos das Festas do Verán en Quiroga, estaba ademais animada pola actuación da charanga BB+. O concelleiro de Cultura, José Luis Rivera, facía un balance positivo da celebración, pese ás limitacións e as medidas tomadas fronte ao Covid. “Dende o Concello tratamos de organizar actividades máis pequenas durante as festas e, ata agora, foi saindo todo de marabilla. A xente respectou as medidas de seguridade establecidas por Sanidade e houbo cadeiras, máscaras, xeles… Todo resultou perfecto”, destacaba.

Vídeo e fotos: Carlos G. Hervella, agás as cinco últimas fotos da galería que son de Carlos Julio González.

 

Artigos relacionados

Back to top button