En portadaÚltima hora

A XXIX Semana de Cine do Barco ergue o pano

Esta mostra iniciábase con arte valdeorrés, cinema galego e homenaxes na tarde do 23 de agosto

Valdeorras abre unha fiestra ao cine alternativo e de autor da man da XXIX Semana de Cine, que se desenvolverá do 23 ao 2 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Esta edición poñíase en marcha neste venres 23 de agosto coa apertura da exposición “Camiñantes” do artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos, na que recurre a “madeiras reutilizadas e vivas” para recrear, a partir das súas propias manchas, formas e fendas; diferentes praias galegas e aos seus paseantes.

Tamén fai un guiño ao río Sil e unha homenaxe especial á súa nai, que retrata agardando tras unha fiestra, e ao seu pai, neste caso sobre unha táboa que empregaba para cortar madeira. O conxunto complétase coa instalación “Non é non”, empregando cerámica de Sargadelos.

Esta mostra, que dá á benvida ao publico na entrada do Teatro Lauro Olmo onde tamén se expón un Mestre Mateo (concedido á Federación Galega de Cine Clubs), daba paso no acto inaugural a unha serie de proxeccións como o video promocional da Semana de Cine e ao traballo “Música para o cine. Da música épica ao cine épico” (con bandas sonoras e imaxes de quince filmes que ían dende “2001, Odisea no espazo” ata “Platoon”), ambas montaxes de Anxo Santomil.

Despois o director colombiano-galego Luis Avilés, presente na sala, daba paso ao seu documental “Idénticas” que conta a historia de Celia e Cayetana, dúas irmás xemelgas de Lousame que padecen unha enfermidade ultrarara. O acto continuaba con “Un mundo salvaxe” de Rodrigo Marini e David Santamaría. Tras un coloquio co público, tiña lugar unha homenaxe a Marini, cuxa familia reside no Barco, que dende agora conta cunha “butaca de ouro” no Teatro Lauro Olmo.

A partir de aí a Semana de Cine, que promove o Cine Club Groucho Marx coa colaboración do Concello do Barco, dará paso a unha vintena de propostas cinematográficas nos ciclo de cine actual e infantil, xunto con proxeccións de curtas. Ás sesións de cine infantil poderán asistir os menores de 16 anos entregando un quilo de alimentos que serán destinados ao Cáritas Interparroquial do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button