En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XXVI Festa da Carne reúne a centos de persoas en Montederramo

A celebración ten lugar dende hai 26 anos o Día do Pilar e da feira nesta localidade ourensá

 

En empanada, ao caldeiro e richada. Son as tres formas nas que os asistentes á XXVI Festa da Carne de Montederramo puderon degustar este produto típico da zona de montaña da provincia de Ourense. Así, fieis á cita no Día do Pilar, en torno ás 1.500 persoas reuníanse na praza do Concello no mediodía do 12 de outubro para dar boa conta do menú, regado con viños da Ribeira Sacra.

Hoxe é tamén día de feira en Montederramo, por iso a actividade comenzaba xa de boa mañá coa exposición e venda de produtos nos postos do mercadiño, así como a mostra de gando bovino das explotacións do municipio. E xa en torno ás 13 horas abríanse as portas da carpa, aínda que tamén houbo xente que xantou en diferentes establecementos da  vila.

 

Un dos camareiros coa bandexa chea de carne ao caldeiro.

 

Entre os asistentes ao xantar, acompañando ao alcalde de Montederramo Antonio Rodríguez, estaban alcaldes da contorna como a de Castro Caldelas Sara Inés Vega e da Teixeira Miguel Antonio Cid, ademais da delegada do Goberno Marisol Díaz, entre outras autoridades políticas.

Unha das novidades desta edición da festa foi que toda a carne servida foi de gandeiros de Montederramo: José Antonio González, José González, María Pereiro, Maximino Vázquez, Diego Gómez, Dolores Ferández,C Carmen Fernández, Manuel Pérez e Juan Caneiro. “Sempre intentamos que fora da zona pero outros anos algunha era daquí e outra non e este ano conseguimos que fora toda dos nosos gandeiros”, dixo o alcalde. O postre, bica, era das dúas panaderías de Castro Caldelas (os propietarios son de Montederramo) e o viño, da Ribeira Sacra, “non podía ser doutro xeito”, asegurou Antonio Rodríguez. Ademais, como en toda festa que se precie, na xornada tampouco faltou a música de gaiteiros e das charangas Nova Terras de Trives e Chimpafigos que xa quentaran o ambiente pola mañá e tamén tocarán pola tarde convidando aos asistentes a botar un baile.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button