ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A XXVIII Festa da Castaña de Courel congrega a multitude de persoas

O programa arrancaba con música e coa lectura do pregón a cargo do xornalista José Manuel García Barreiro

Castañas asadas e viño novo. Eran os principais referentes da XXVIII Festa da Castaña do Caurel que ademais se aliaba co bo tempo na xornada do 7 de novembro. Multitude de persoas se desprazaban ata Seoane (Folgoso do Courel) para participar neste evento que está declarado festa de interese turístico de Galicia.

O programa comezaba ao redor da unha coa actuación do Grupo de Gaitas e Cantores do Caurel e continuaba media hora despois coa lectura do pregón, a cargo de José Manuel García Barreiro, director do programa “Come e fala” da Radio Galega, quen estivo acompañado no escenario das súas “dúas pequenas”.

A continuación recoñecíase á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, coa insignia da castaña, que lle entregaba a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro. A conselleira asístía a esta celebración acompañada do director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, entre outras autoridades. E como broche deste acto inaugural facíase soar unha caracola, lembrando a chamada que, deste xeito, se facía aos veciños para ir recoller castañas.

Ao mesmo tempo, tiña lugar unha gran degustación de castañas asadas e viño novo que logo tiña continuidade pola tarde. Non faltaba tampouco a música dunha charanga e o baile.

Ademais pola tarde tiña lugar unha actuación teatral do grupo Os Palimoquiños e ao longo de todo o día podía visitarse unha feira de artesanía instalada nas proximidades do recinto festivo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button