En portadaÚltima hora

A XXX Semana de Cine do Barco rendirá homenaxe a Luis Nogueira, socio e amigo do Cine Club Groucho Marx

Arrancará o 27 de agosto co acto inaugural e rematará o 6 de setembro coa proxección do documental "O Desafío do Sil"

 

Este ano a Semana de Cine do Barco, organizada polo Cine Club Groucho Marx en colaboración co Concello, será moi especial. Non só porque se retoma tralo parón do ano pasado, senón porque estará adicada ao lanzador de xavelina Luis Nogueira, falecido no mes de abril. “Primeiro porque foi un dos membros fundadores do club e segundo, porque ata agora adicamos butacas de honra a directores, películas, colaboradores e mesmo ao cámara, e faltaba a quen realmente mantén o cine club que é o socio e Luis Nogueira sempre estivo connosco para colaborar, aportar, facer labores que non entraban nos seus deberes como socio pero tamén era amigo e consideramos así homenaxeamos ao amigo, ao socio e tamén aos sanitarios que están facendo fronte ao Covid”.

Así o explicaba o presidente do Cine Club Groucho Marx, José María Rodríguez, na presentación realizada na mañá deste venres 20 de agosto no Concello do Barco, na que estaba acompañado polo alcalde Alfredo García, a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, Agustín González e Moncha, estes dous últimos, socios do cine club, pola súa vinculación con Luis, no apartado deportivo o primeiro e sanitario o segundo.

 

O presidente do Cine Club Grocho Marx, José María Rodríguez, na presentación da Semana de Cine.

 

A semana cumprirá con todos os protocolos sanitarios (distanciamento, aforo limitado,…) e arrancará o venres 27 de agosto ás 20 horas coa inauguración que contará en primeiro lugar coa estrea da curta de Xacio Baño, Augas Abisais, e a continuación a homenaxe a Luis Nogueira que estará arroupada pola actuación musical de Sito e Sabela Freixeiro ao piano, coa proxección dun vídeo sobre a súa figura. Tamén se descubrirá a placa e o acto rematará co concerto Live in Vienna de John Williams en colaboración co SilFest.

Para asistir ao acto, media hora antes daranse invitacións ata completar o aforo, e con respecrto ás entradas, coma sempre haberá un bono de 30 euros para adultos e de 10 euros para nenos.

O programa contará coa proxección de cinco filmes infantís e dez para adultos entre os que figuran The Bra, Ama ou Outra Ronda. Á programación completa poderá accederse a través dun código QR e tamén na web do cine club . Tal como adiantou José María, a recadación da sesión do venres irá destinada á financiación da curta de Rodrigo Marini, Dragón Blanco, que se rodará en Madrid pero rematará en Valdeorras e o último día estrearase o documental O Desafío do Sil do petinés Domingo Díaz que estará presente na sesión das oito.

 

Programa da XXX Semana de Cine do Barco.

 

Na súa intervención, a concelleira de Cultura asegurou que queda constatado que “o cine é un elemento primordial dentro da programación cultural deste concello, sobre todo porque o cine é cultura, ocio e espectáculo e como non podía ser doutro xeito aí estamos apoiando e oxala cumpra outras 30 edicións máis e recuperemos o cine comercial”, dixo, destacando que durante todo este ano as proxeccións que intentaron poñer non funcionaron. “Abrir unha sala de cine para 1 ou 2 persoas é penoso, oxalá poidamos recuperalo pero ter un cine club no Barco é un luxo e o que nos está permitindo manter esa disciplina das artes”.

O alcalde pola súa banda, ratificou o “acerto de que a homenaxe desta edición sexa a Luis Nogueira, sumándonos encantados a este acto e a toda a semana, animando a José María e o cine club a seguir traballando como o están facendo ano tras ano e que o ano que vén por estas datas estemos presentando a XXXI edición”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button