En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XXXI Feira do Viño de Valdeorras cobra vida en Viloira (O Barco)

A acreditación da ENAC lograda por esta denominación de orixe resaltábase no acto inaugural desta mostra que reúne vinte adegas na fin de semana do 14 e 15 de xullo

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense poñía son no mediodía día do 14 de xullo ao acto inaugural da XXXI Feira do Viño de Valdeorras, cuxo recinto feiral estará instalado nesta fin de semana na praza de Viloira (O Barco). “A certificación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) é un logro que buscábamos dende hai tempo e no que outros consellos se nos adiantaron, pero é unha noticia moi boa para todo o sector”, aseguraba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, no seu discurso inaugural. Ademais agradecía o esforzo de todos para poder lograla. “É un labor colectivo de adegueiros, viticultores e persoal do consello”.

García Pando falaba tamén da calidade do viño valdeorrés, das boas previsións de cara á nova colleita e da diversidade de viños e elaboracións que se poden catar nas vinte adegas que participan nesta edición do certame. Tamén interviñan no acto inaugural o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, que subliñaba que o “viño é o mellor embaixador que pode ter un territorio, cada vez que descorchamos unha botella estamos saboreando o sabor dunha terra”; así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, que cualificaba o viño valdeorrés de “excelente viño onde os haxa” e felicitaba ao sector por ter logrado a acreditación da ENAC.

O turno de intervencións completábao o alcalde do Barco, Alfredo García, que, aludindo tamén á certificación obtida pola D.O. destacaba a importancia de continuar traballando “para que a calidade destes viños medre” e aludía á necesidade de apostar pola marca Valdeorras nos viños e de unir o sector vitivinícola co turismo dentro do Xeodestino Trevinca-Manzaneda, ao que pertence esta comarca.

O himno de Galicia interpretado pola Real Banda de Gaitas da Deputación poñía o broche á inauguración e comezaban as degustacións de brancos e tintos nas diferentes casetas das adegas, mentres nos xardíns da Casa Grande os máis pequenos desfrutaban de inchables e diversas actividades lúdicas e o tren Valdeorras Expresso realizaba xa viaxes dende Calabagueiros ata a praza de Viloira.

O programa da mostra continuará pola tarde, a partires das 19:30h. coa reapertura dos stands e con actuacións musicais, entre elas a da charanga Fuego e, xa ás 22:30h., o concerto de Caravan Band.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button