AletismoDeportesÚltima hora

A XXXVII Copa Deputación de Atletismo chegará a Calabagueiros (O Barco) o 3 de outubro

A cita, organizada pola Federación Galega a través das súas delegacións en Ourense e Valdeorras, reunirá a 250 deportistas e desenvolverase en catro xornadas que darán comezo o vindeiro sábado, 26 de setembro, no Campus de Ourense

Eladio Gómez, Ángel Fidalgo, Rosendo Fernández, Rodrigo Alberte e Manuel Pérez.

 

A Copa Deputación de Ourense de Atletismo, organizada pola Federación Galega a través das súas delegacións en Ourense e Valdeorras, reunirá neste 2020 a 250 deportistas das categorías sub 14 e sub 16 (154 mulleres inscritas e 96 homes), ao longo de catro xornadas.

A primeira será este sábado, 26 de setembro, no Campus de Ourense. Comezará a partir das 10:30 horas e acollerá as seguintes probas: 80 m., 100 m., 500 m., 1.000 m., 220 m. valados, 300 m. valados, triplo e peso. A segunda xornada será nas pistas de Calabagueiros, no Barco de Valdeorras o 3 de outubro; e posteriormente a competición volverá ao Campus de Ourense onde se celebrarán a terceira e a cuarta xornada da Copa, os días 17 e 24 de outubro, respectivamente.

A presentación deste evento deportivo tiña lugar na mañá deste xoves 24 de setembro na pista de atletismo do Campus de Ourense, nun acto ao que asistían o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; o xefe do servizo de Deportes do Campus de Ourense, Rodrigo Alberte; e o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez.

 

Rosendo Fernández na presentación da XXXVII Copa Deputación de Ourense de Atletismo.

 

A competición realizarase conforme ao protocolo anti Covid-19 da Federación Galega de Atletismo, aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Celebrarase a porta pechada, só podendo acceder á instalación os atletas, xuíces e persoal de organización e un delegado e un adestrador (por ratio de 10 atletas) por Club. Neste sentido, Ángel Fidalgo dixo que “os rapaces só poderán acceder á instalación unha hora antes da súa competición e deberán abandonala inmediatamente despois desta”.

En representación da Xunta, Manuel Pérez desexou que esta competición “saía fenomenal e sexa un exemplo de que con todas as medidas de seguridade e con todas as precaucións pódese realizar deporte”. Nesta mesma liña, Eladio Gómez sinalou que “Ourense estase a converter no epicentro do atletismo en Galicia” e que agora acollerá esta Copa Deputación de Ourense que é “unha proba xa emblemática, coñecida e recoñecida en toda Galicia, mostra dilo é que van a participar 27 clubs galegos e 6 da provincia de Ourense”, engadiu o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo.

 

Artigos relacionados

Back to top button