CulturaCulturaÚltima hora

A zona arqueolóxica de Castromao (Celanova), declarada BIC

A zona presenta un bo estado de conservación no que se refire ás estruturas arqueolóxicas exhumadas, consolidadas e exhibidas, un total de 75 vivendas que xunto coas murallas e muros de contención constitúen unha excelente mostra da arquitectura en pedra e urbanismo castrexos

Xacemento de Castromao, no concello de Celanova./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A zona arqueolóxica de Castromao, no municipio de Celanova, vén de convertirse en Ben de Interese Cultural (BIC). O Diario Oficial de Galicia publica neste 18 de novembro a súa declaración como tal, realizada anteriormente polo Xunta de Galicia. Este xacemento “conta cun valor cultural sobranceiro fundamentado na súa importancia histórica, no seu potencial científico e no seu carácter representativo como un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia”, segundo destaca a Consellería de Cultura e Turismo.

O lugar abrangue un conxunto de bens de diferente natureza situados no cumio e ladeiras do coto no que se localiza o castro, ocupado de xeito continuado desde a primeira Idade de Ferro (desde o século VII a.C ata o século III d.C.), pasando pola Idade Media ata a actualidade. Entre eles, figuran estruturas defensivas visibles como murallas, foxos e antecastros.

Ademais, unha das principais características que fai singular a Castromao dentro do conxunto dos castros galegos é “a cantidade, variedade e riqueza dos restos arqueolóxicos exhumados en numerosas campañas de escavacións realizadas desde os anos 60 e que descubriron, por exemplo, á Tábula Hospitalis, que dá conta do pacto asinado por este pobo cun prefecto romano no ano 132 d.C. Tamén destaca a variedade dos tipos cerámicos, de xeito que coexisten formas castrexas de produción propia con outros elementos procedentes de Grecia”, citando a información da Consellería de Cultura.

A declaración aprobada alcanza a totalidade dos vestixios e rexistros arqueolóxicos vencellados a esta área e inclúe un catálogo de elementos patrimoniais vinculados entre os que destacan un petróglifo, hórreos, un cruceiro e as ruínas dunha capela situados no propio castro, unha área arqueolóxica potencial situada ao oeste e un epígrafe romano encaixado no casa reitoral de Castromao, ademais dun conxunto de elementos representativos da arquitectura popular dese núcleo.

O emprazamento do castro, nun outeiro que domina visualmente un vasto territorio sobre as terras de Celanova e Ourense, foi estratexicamente seleccionado para o control dos intercambios comerciais entre a ruta fluvial do río Miño e as vías terrestres.

A zona presenta un bo estado de conservación no que se refire ás estruturas arqueolóxicas exhumadas, consolidadas e exhibidas, un total de 75 vivendas que xunto coas murallas e muros de contención constitúen unha excelente mostra da arquitectura en pedra e urbanismo castrexos.

Réxime de protección

O contorno de protección circunscribe a totalidade da zona arqueolóxica e atinxe os socalcos e a ladeira baixa do sector leste e norte. Inclúe tamén as áreas de influencia susceptibles de albergar restos arqueolóxicos. Na zona oeste inclúe as terrazas de Cerdeira; polo norte a ladeira ata a ruptura da pendente; polo leste a aldea de Castromao incluída a igrexa; polo sur ata a estrada, e polo oeste incorpora unha área de plataformas de posible potencial arqueolóxico nos lugares identificados como Cañotas, Rescaldo, Cerdeira e Monte Vello.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button