EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Abadía da Cova presenta cinco novos viños: tres rosados, un branco de loureira e un mencía ecolóxico

Esta adega da Ribeira Sacra vén de dar a coñecer estes novos produtos nunha presentación ante profesionais e diversos medios de comunicación galegos e nacionais

Viños diferentes, exclusivos e cunha produción moi limitada. É a nova liña de produto pola que aposta Abadía da Cova-Adegas Moure (Cuñas-O Saviñao, Lugo), con innovación e calidade, pero mantendo a súa aposta pola tradición. Na tarde do 4 de febreiro presentaba, ante profesionais e ante a prensa galega e nacional, cinco dos 16 viños que ten previsto poñer no mercado neste ano.

Tratábase dun branco de loureira, tres rosados e dun mencía ecolóxico. O enólogo de Adegas Moure, Nacho Álvarez, resaltaba a singularidade do loureira con relación a outros brancos, á beira dos responsables da adega: Evaristo Rodríguez e a nova xeración con Paloma, Adrián e Jose. “Conxelámolo durante 48 horas nun camión frigorífico, no que botamos a uva enteira (incluído o raspón) dentro do depósito de 1.500 litros, pechamos o tapón e estivo con neve carbónica e CO2 durante 22 días. Despois dese tempo, sacamos o viño e prensámolo. É un viño atípico, como unha maceración carbónica pero en branco. Del tan só temos unha produción de 500 botellas”.

 

Botellas dos tres novos rosados de Adegas Moure./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tamén cobran protagonismo os rosados de tres variedades diferentes: mencía 100%, caíño 100% e merenzao 100%. Menos o merenzao, que ten 14,5 graos, o resto son de 12,5 graos. “A mencía está fermentada en aceiro inoxidable, o caíño en tronconónico de madeira e o merenzao en barrica de 500 litros. Do rosado de caíño e do de mencía hai 4.000 botellas de cada un, do merenzo temos 1.000 botellas”, explicaba o enólogo. Ademais presentaban o Abadía da Cova ecolóxico, un mencía 100%, “que non ten ningún tratamento, é todo natural, cunha produción de 5.000 botellas”, engadía.

Estes produtos son unha mostra do novo enfoque que se lle está dando a esta adega da D.O. Ribeira Sacra. “Incorporeime a Adegas Moure o ano pasado e axitamos moitísimo a adega con Evaristo, Paloma, Adrián e Jose. Con esta nova xeración que se incorpora a ela, a idea é facer cousas diferentes, e niso estamos. Son máis viños, pero cousiñas un pouco máis exclusivas”, destacaba Nacho Álvarez.

Do mesmo xeito se manifestaba, Paloma Rodríguez dende a adega. “Isto é un novo comezo, recollendo todo o que aprendimos, que é fundamental e moi importante. Esperamos que este proxecto siga crecendo e que poidamos recuperar esta zona en canto a variedades, traballo… é algo que nos ilusiona de verdade poder estar hoxe aquí presentando estes viños”. Ademais presentaba á artista gráfica que creou a imaxe das etiquetas das botellas destes novos produtos, Ana Díaz, coñecida como “Anita Rivera Plástica”.

 

As etiquetas das botellas foron creadas por Anita Rivera Plástica.

 

 

Nova imaxe artística nas etiquetas

A creativa Ana Díaz amosábase agradecida de poder participar neste proxecto de Adegas Moure. “Son coñecida polo meu traballo en portadas de discos, e cando Paloma me propuxo isto pareceume que era superdivertido. Era como traballar cos discos, poñerlle imaxe ao que había dentro da botella. Para iso necesitaba información, e cando me mandou o material vin que había moitos textos da tradición popular e da cultura galega cunha referencia moi clara á auga, tanto a través da chuvia como dos ríos”.

Deste xeito, e vendo que a imaxe que xa tiñan en Abadía da Cova “das xacias, decateime de que neste proxecto tiñamos que reflexar esa importancia da auga. Entón creamos tres xacias, uns seres mitolóxicos metade anfibio e metade humano, e a idea era ter unha xacia por cada un dos viños, que foran figuras con personalidade propia e que ademais vaian ir medrando co paso das anos. As etiquetas van seguir tendo cada vez máis ramificacións naturais e esa influencia da terra”, adianta esta artista gráfica.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button