ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Abelardo Carballo renuncia ao cargo de alcalde de Viana para cumprir co pacto de goberno co PP

Así o vén de anunciar nun comunicado, cando se cumpren 16 meses dende que accedese á alcaldía

Abelardo Carballo, alcalde de Viana do Bolo.

 

Nada máis estrear o ano 2022 haberá cambio de alcalde en Viana do Bolo. Así o vén de lembrar o actual rexedor, Abelardo Carballo, a través dun comunicado, cando se cumpren 16 meses dende o seu acceso á alcaldía, tras prosperar unha moción de censura contra o goberno do BNG en setembro de 2020. “Ao dar por concluído o período pactado no seu día como alcalde deste Concello, e para facilitar unha transición rápida, facéndoo coincidir co comezo do novo ano, o pasado día 23 de decembro, adoptei a decisión de renunciar ao cargo de alcalde. Quero empezar este escrito, pedindo desculpas a cantas persoas puiden defraudar ou agraviar no exercicio da miña responsabilidade. E a todos os veciños e veciñas de Viana do Bolo, quérolles agradecer o trato respectuoso e cordial, que tiveron comigo, así como o agarimo e o apoio que me mostraron, en todos estes meses”.

Carballo amosa o seu agradecemento de xeito especial “a todas aquelas persoas que, hai agora 16 meses, depositaron a súa confianza en min, para que democraticamente cambiásese o rumbo deste Concello”. E dirixíndose á Corporación municipal, o aínda alcalde vianés asegura que, “salvo por esas malas maneiras representadas polo anterior alcalde, quero destacar o gran labor e importancia da tarefa dos grupos municipais da oposición, e do resto de persoas que os conforman, o meu respecto e a miña consideración persoal”.

Agradece tamén o labor “de todo o Grupo de Goberno polo seu gran apoio e paciencia. Quen dixo que á política non se vén a facer amigos, non tivo a oportunidade de traballar á beira dalgunha destas persoas. Xunto a elas e eles, calquera imposible converteuse nun reto que superar, e calquera iniciativa o motivo para a ilusión e o impulso para o noso pobo. Por iso, nos novos labores e responsabilidades que vou asumir no grupo de goberno, tentarei desempeñalas da mellor maneira posible, procurando atopar sempre unha solución rápida a calquera problema que se lles presente aos nosos veciños”.

E agradacemento tamén de Abelardo Carballo “aos traballadores do Concello, polo seu apoio e labor desinteresada, traballando mesmo fóra do seu horario de traballo. Conxuntamente, nestes difíciles momentos que estamos a sufrir con esta pandemia que non remite, acordarme da Policía Local, pola súa entrega e disposición. Tamén agradecer o seu traballo ao persoal do servizo de axuda a domicilio, e ao equipo de Servizos Sociais, que tratan e coidan a diario cun colectivo de alto risco de contaxio, como son as nosas persoas maiores. Non quero tampouco esquecerme, do persoal do C.I.M. polo seu labor diario e pola gran colaboración que me prestaron en todo momento”.

Finalmente, Carballo agradece o apoio da sú familia e amigos, e manifesta que “exercín durante estes meses, como alcalde de Viana do Bolo, moi orgulloso de selo, coa humildade que merece e co espírito de tentar estar á altura de tan alta responsabilidade”.

Artigos relacionados

Back to top button