ConcellosEn portadaÚltima hora

Aberta a venda de entradas para a VII Festa do Botelo do Barco na Coruña

A cita será o sábado 15 de febreiro no restaurante Árbore da Veira no Monte de San Pedro

 

Por sétimo ano consecutivo, o restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro, acollerá a Festa do Botelo do Barco na Coruña que se celebrará o vindeiro sábado 15 de febreiro.

A festa comezará ás 12:30 horas coa recepción dos comensais e a continuación o xantar no que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Todo isto regado cos viños de godello da Adega d´Berna e o tinto mencía de Adega Roandi. Para a sobremesa haberá bica e os licores da Adega Godeval. Ademais para amenizar o fin de festa terán un grupo musical.

O xantar custa 36 euros por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas. Pódense facer reservas ata o xoves, día 13 de febreiro.

A Festa do Botelo do Barco declarada de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o 18 de xaneiro a súa vixésima edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa VI edición para o día 7 de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button