CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Abertal actuará en ‘Eu quero…’ o novo programa da TVG que gravará un episodio en Valdeorras

As cámaras da Televisión de Galicia virán á comarca na vindeira semana para rodar un capítulo sobre o viño

A Banda de Gaitas de Abertal durante o pasarrúas o Día das Letras Galegas na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tras un ano moi complicado marcado pola pandemia, sen case poder ensaiar e moito menos actuar en directo, a Agrupación de Música e Baile Tradicional da Rúa, Abertal, regresaba aos escenarios por todo o alto o pasado luns 17 de maio cun festival ao aire libre para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Era a primeira e moi esperada actuación á que seguirán outras (sempre que a situación sanitaria o permita) en vindeiras datas. A seguinte será xa na TVG, nun novo programa que virá a gravar a Valdeorras o vindeiro mércores. Trátase de ‘Eu quero…’ unha serie coa que a Televisión de Galicia fará un percorrido polos mellores produtos gastronómicos de Galicia. “Na comarca falarán do viño e ademais de gravar en diferentes localizacións, entre elas algunha adega, actuaremos nós”, adianta o responsable de Abertal, Manolo Durán.

‘Eu quero…’, leva en antena apenas unha semana e preséntase como unha viaxe por toda a comunidade na procura das mulleres e dos homes que fan dos emblemas da cociña galega unha auténtica festa rachada. Neste programa, ademais de descobrir as orixes de cada produto, como preparalo e as festas na súa honra (no caso de Valdeorras, o viño), tamén hai oco para as actuacións tradicionais dos grupos folclóricos máis senlleiros, sendo aí onde entra en escena Abertal.

E uns días despois de participar neste novo programa, volverán actuar na TVG, desta volta nun dos programas que máis tempo leva en antena, o Luar, na edición do venres 4 de xuño.

 

Artigos relacionados

Back to top button