CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Abertal celebra na Rúa o festival de fin de curso do seu 30 aniversario

O acto central da celebración será a presentación do libro-disco coa súa historia previsto para o 8 de agosto

Con música e baile, como non podía ser doutro xeito, pero tamén cunha cea e a presentación dun libro-disco conmemorativo. Así ten previsto celebrar Abertal o seu 30 aniversario.

Unha conmemoración que arrancaba na tarde do 21 de xuño no Centro Cultural Avenida da Rúa co festival de fin de curso 2018/2019 no que todos e cada un dos alumnos amosaron a un entregado público o aprendido durante o ano. Dende os máis pequeniños (iniciación), ata os máis maiores, pasando polos medianos. Das clases de pandeireta, baile e acordeón. Non quedou ninguén sen amosar o seu bo facer, rematando o multitudinario acto coa actuación da banda de gaitas e o coro. Mesmo houbo tempo para unha primicia.

Durante o evento, cinco membros da agrupación sorprendían ao público coa interpretación da Xota do Canizo, un dos temas que formarán parte do disco-libro que Abertal presentará o vindeiro 8 de agosto como acto central do 30 aniversario. Ademais ao día seguinte, 9 de agosto, celebrarán unha cea de confraternidade co pasado, o presente e o futuro da agrupación de música e baile tradicional, Abertal.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button