O programa Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio continúa o seu percorrido pola provincia de Ourense, onde chegou a pasada fin de semana. Así este venres, día 6, a partir das 20 horas, o Mirador do Castro de Parada de Sil converterase en escenario dos espectáculos Amparo, de Entremáns e Conxurando o invisible, de Aída Colmenero Díaz. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.
Amparo inspírase na protagonista da novela La tribuna, da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, arquetipo da liberdade que, como moitas outras mulleres, non tivo medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos. A creación, dirección e interpretación da peza corre a cargo de Ana Beatriz Pérez, coa asistencia coreográfica de Armando Martén e a música de Xosé Luís Romero e outros.
Pola súa banda, o espectáculo Conxurando o invisible preséntalle ao mundo un mantra de respecto aos que rezan coas voces e presenzas ascentrais, ademais de recuperar elementos do patrimonio inmaterial da tradición cultural galega. A peza está dirixida por Aída Colmenero, que a interpreta acompañada do grupo Abertal da Rúa.