ConcellosÚltima hora

Abertal e Aires del Cabrera amenizarán Os Maios no Barco

A tradicional festa da primavera celebrarase o 1 de maio na praza do Príncipe
A festa dos Maios o ano pasado na praza do Príncipe do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Como cada ano a festa dos Maios rendirá culto á primavera no Barco de Valdeorras. Así, o mércores día 1 de maio na praza do Príncipe volverán soar as coplas, a música e o baile tradicional, e o teatro infantil entre postos de produtos artesanais nun ambiente de festa onde os maios, elaborados por centros escolares e asociacións, son os protagonistas.

O programa comezará a partir das 11:30h. coa apertura da mostra de produtos de alimentación e artesanía así como a presentación dos maios, enxebres e artísticos, que participarán no concurso. Para iso deberán inscribirse antes das 12 horas do 30 de abril nas oficinas de AEVA na praza do Concello.

Para as 12:30h. están previstas as actuacións de música e baile tradicional. Polo escenario da praza do Príncipe pasarán os grupos Abertal da Rúa, con música, pandeireteiras e baile, e o grupo Aires del Cabrera de Pombriego que actuará no Barco por primeira vez, ofrecendo unha mostra do rico folclore da veciña comarca leonesa. Ás 13:30h. será o momento de cantar as coplas.

E xa pola tarde, a partir das 17:30h. terá lugar a representación de teatro guiñol que ofrecerá Mircromina Títeres baixo o título de Vacacións no mar. A fin de festa está prevista pasadas as 19:30h. cando se darán a coñecer os premios.

O evento está organizada polo Concello do Barco de Valdeorras e polo Centro Comercial Aberto.

 

Cartel dos Maios 2019.

Artigos relacionados

Back to top button