ConcellosÚltima hora

Abertal gaña o Premio Xabier Prado Lameiro 2015

O xurado da Coral de Ruada de Ourense vén de conceder o galardón á agrupación folclórica da Rúa
Manuel Durán dirixindo a Abertal nun concerto no Centro Cultural Avenida da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Manuel Durán dirixindo a Abertal nun concerto no Centro Cultural Avenida da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

“Polo traballo que ao longo de vinteseis anos leva realizado no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da música, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que o acompañan (grupos instrumentais, traxes, animacións sociocultural, organización de eventos, etc.), o xurado da Coral de Ruada de Ourense acordaba “por unanimidade” conceder o VI Premio Xabier Prado Lameiro, á agrupación de música e baile tradicional Abertal da Rúa.

Con este premio, a Coral de Ruada pretende “premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas”. E tal como adiantan dende a coral organizadora do galardón, os méritos que atesoura a traxectoria de Abertal e nomeadamente o seu fundador e director Manuel Anxo Durán Blanco, van máis aló “do inxente traballo realizado no campo da recolla, conservación, interpretación e divulgación do noso folclore”.

O acto de entrega do premio terá lugar o mércores 21 de outubro no Liceo de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button