En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Abertal vístese de gala para celebrar o seu 30 aniversario

O concerto “Seis lustros, co noso acento” servíu para presentar o seu novo traballo discográfico

Coa Foliada de Anguieiros, o tema creado polos alumnos en recoñecemento e agradecemento ao labor do mestre, Manolo Durán, remataba na madrugada do 9 de agosto o concerto “Seis lustros, co noso acento”, co que Abertal celebraba o seu 30 aniversario.

Tiña lugar no Centro Cultural Avenida (ante o risco de chuvia) e contou coa presenza da gran familia de Abertal e tamén de numeroso público que non quixo perder a oportunidade de coñecer o contido do novo traballo da agrupación, Co noso acento, o seu terceiro disco de estudo que recolle os mellores momentos na vida de Abertal.

 

Catro profesores de Abertal: Manuel Durán, Montse Rivera, Manuel Olegario e Manuel Cobas.

 

Presentado en primeira instancia por Maribel Campos, membro do coro, o concerto comezaba coa Alborada de Gaita (Cancioneiro de Bal y Gay) a peza que abre o disco e a partir de aí, fóronse sucedendo as pezas que inclúe o disco. “A maioría son novas pero tamén metimos temas do dous discos anteriores”, explicaba Manolo entre canción e canción. Pezas compostas por mebros da agrupación como o Pasacorredoias de Arzádegos creada por Óscar Guerra, a Foliada de Valdeorras (música de Xaquín Xesteira e letra de Manuel Durán) ou o Valse da Vila de Manuel Olegario. Unhas interpretadas pola banda de gaitas soa, outras co acompañamento dos acordeóns, algunhas polas pandereteiras e incluso unha tocada con pandeiros (Xota e Muiñeira do Canizo, A Gudiña).

Polo escenario pasaron moitos dos alumnos de Abertal, os de agora e algún de antes, os maiores e o máis pequeniños e incluso houbo algún que outro baile. O máis aclamado foi o da parella formada por Montse Rivera de Leilía (ex profesora de baile a amiga de Abertal) e Manuel Cobas o actual profesor, rematando con todos, incluído o coro, sobre o escenario.

 

Manolo Durán dirixindo á banda de gaitas.

 

Foi unha noite de celebración e de agradecementos, á familia, aos que pasaron por Abertal e aos que aínda están, así como a todos os que dalgún xeito fixeron posible estos trinta anos de historia. Tamén foi unha noite de agasallos, para o director da agrupación que ademais da figura dun gaiteiro era sorprendido co tema creado polos seus alumnos; para os mestres (faltaba Xilda por motivos de saúde); para a presentadora;… incluído o sorteo de cinco lotes de produtos cedidos por empresas da zona.

En definitiva, foi unha noite máxica para Abertal, unicamente empañada pola ausencia do CD que vén acompañado por un libro de 160 páxinas deseñado por Verónica Vieira González, coa historia da agrupación. Un traballo que “todos os veciños da Rúa debería ter”, en palabras de Manolo. Os discos chegan hoxe e poranse á venda de cinco a oito na praza do Concello “espero que ninguén quede sen el porque é unha parte da historia da vila”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button