EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Abertas 2 liñas de axudas para mellorar as condicións ambientais e laborais no sector mineiro

Os incentivos favorecerán a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación de melloras técnicas e medidas organizativas para reducir a incidencia da exposición ao po e ao ruído, segundo Economía

Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dous programas de axudas impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro.

A primeira das convocatorias, dirixida a empresas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola lexislación mineira, conta cun orzamento de 1M€ e será de concorrencia non competitiva. A súa finalidade é “favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles para a loita contras as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e o ruído. Trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico”.

Os incentivos, segundo a consellería, contarán con dous obxectivos. Por unha parte, dirixiranse a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución de emisións de po e ruído. Neste caso, destinarase 500.000 euros. Mentres que o segundo obxectivo está destinado a actuacións para a redución da exposición ao po e o ruído dos traballadores e, deste xeito, mellorar as súas condicións laborais. Resérvase, tamén, un orzamento de 500.000 euros. A convocatoria estará aberta entre o 29 de xuño e o 28 de xullo.

Axudas para empresas de rocha ornamental

Adicionalmente, tamén se convocan axudas destinadas ás empresas que se dediquen á elaboración de rocha ornamental para incentivar a loita contra as enfermidades profesionais, especificamente as que se poidan derivar dunha exposición prolongada ao po. Neste caso, o orzamento é de ao redor de 270.000 euros e tamén se outorgarán en réxime de concorrencia non competitiva cun máximo de 50.000 euros. O prazo das axudas estará aberto entre o 1 e o 31 de xullo.

En ambos os dous casos, a tramitación realizarase de xeito telemático. En relación ao réxime de concorrencia non competitiva, a orde salienta a extrema importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde dos traballadores, así como a mellora ambiental, que fai que todas as actuacións que se promovan neste senso sexan de interese público. Con estes programas de apoios, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minería segura e sustentable capaz de xerar valor e emprego na Comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button