EconomíaEconomíaÚltima hora

Abre as portas a oficina de turismo comarca de Valdeorras, na Rúa

 

Dúas décadas despois da súa construción, sen uso salvo de forma moi puntual, a oficina de turismo da Rúa volve cobrar vida. Trala aprobación por parte da Deputación de Ourense dunha achega de 20.000 euros a favor do Concello da Rúa para a súa posta en marcha, e a posterior remodelación por parte do persoal do obradoiro LABORU do edificio situado na rúa Campogrande, o servizo está xa en marcha.

Na mañá deste martes 21 de setembro a renomeada oficina de turismo comarca da Valdeorras abría as portas ao público recibindo aos primeiros peregrinos: tres de Lleida e tres de Oviedo e tamén visitantes chegados dende Badaxoz. Porque esta oficina está pensada para dar servizo aos peregrinos que fagan o Camiño de Inverno, pero tamén para dar a coñecer as potencialidades turísticas e culturais, no só do municipio da Rúa senón de toda a comarca e municipios limítrofes como A Pobra de Trives, Viana do Bolo e mesmo Quiroga.

“Porémonos en contacto con todos os concellos para que nos pasen información turística e tamén as axendas de actividades (lúdicas, culturais, deportivas,…) e por suposto estaremos en contacto coas asociacións da zona “, explica Soledad Figueroa de Solfiro Comunicación, guía oficial de Galicia que estará á fronte da oficina, acompañada por Susana de la Cruz.

Malia estar xa aberta ao público, na oficina estanse poñendo aínda ao día coa información e a promoción, esperando contar en breve con redes sociais propias. O horario de apertura é de martes a sábado de 10:30 a 13:30 e de 16 a 19 horas. Os domingos, luns e festivos o horario é de 10 a 14 horas.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button