ConcellosÚltima hora

Ábrense as inscricións para poder formar parte da comitiva dos Reis Magos no Barco

Os nenos e os adultos interesados deberán cubrir presencialmente un formulario na biblioteca municipal antes do 29 de decembro ás 13h
Unha das carrozas da cabalgata de Reis do pasado Nadal no Barco./ Foto: A.R.

Ata as 13 horas do vindeiro día 29 de decembro os nenos ou adultos que queiran tomar parte na comitiva dos Reis Magos (que percorrerá O Barco o 5 de xaneiro a partir das cinco da tarde) poderán realizar a súa inscrición. Para iso deberán cubrir un formulario presencialmente na Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán (rúa Academia Dequidt, 6 baixo, da vila) de luns a venres de 11 a 13 horas e de 16 a 20 horas, os sábados de 11 a 13 horas.

Segundo se informa dende a Concellería de Cultura, a inscrición farase nun dos seguintes grupos:

GRUPO A.- Admitiranse 30 nenos (10 por cada unha das tres carrozas) de idades comprendidas entre os 5 e os 10 anos.

GRUPO B.- Estará formado por 36 nenos e xoves entre 11 e 17 anos ou persoas adultas, doce por cada unha das tres carrozas.

“En todos os casos será respectada a orde de inscrición e os menores deberán ser autorizados por escrito polos seus pais ou titores”, explícase dende a concellería.

Os inscritos no grupo B deberán presentarse no Teatro Lauro Olmo o día 5 de xaneiro ás 16 horas e terán que levar zapatos escuros, nunca deportivos.

Os inscritos no grupo A estarán na Estación de Autobuses o día 5 de xaneiro ás 17 horas, onde se lles entregarán uns petos que deberán devolver ao finalizar a cabalgata. Tamén deberán ir vestidos de escuro, negro ou azul mariño preferiblemente.

Artigos relacionados

Back to top button