En portadaÚltima hora

Ábrese a consulta pública do plan reitor de uso e xestión dos Parques da Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro

Delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais destes enclaves naturais de Rubiá e Vilariño de Conso, respectivamente
Penedos de Oulego no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do 13 de abril publica o anuncio polo que se somete a consultas públicas por un período de 20 días o documento de inicio do Plan Reitor de Usos e Xestión dos parques naturais ourensáns do Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia, establece como instrumentos de planificación dos parques naturais os Plans de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e os Plans Reitores de Uso e Xestión (PRUX). O concepto dos PRUX establece que nestes documentos se desenvolvan as directrices emanadas dos PORN, establecendo as previsións de actuacións da Administración no ámbito de aplicación dos parques naturais.

Os plans reitores de uso e xestión delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais. Así, o futuro PRUX determinará os programas que fagan compatible a protección destes espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta, segundo se informa dende a Administración galega.

Tamén se indicarán as medidas necesarias para o mantemento da paisaxe e de conservación de hábitats e especies e os usos públicos e actividades culturais, así como aquelas actividades científicas e monitoraxe para a elaboración de estudos específicos.

O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello valdeorrés de Rubiá, destaca por ter unha paisaxe mediterránea única en Galicia. Coas súas 3.151,67 ha de superficie, é o máis novo dos seis parques naturais de Galicia, foi declarado en maio de 2002, e é o cuarto en dimensión tras o veciño Invernadeiro (5.722 ha) e superado unhas cen veces pola extensión do Xurés (30.000 ha); os tres na provincia de Ourense.

 

Parque Natural do Invernadeiro en Vilariño de Conso./Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Parque Natural do Invernadeiro, no termo municipal de Vilariño de Conso, é a reserva natural agochada no Macizo Central. Trátase dunha zona montañosa na parte sur do Macizo Central ourensán. Está conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrada polas serras de Queixa e Fial das Corzas, con picos de máis de 1.600 metros.

As súas 5.722 ha de extensión lindan coas de Terra de Trives e Verín (comarcas do Entroido ourensán por excelencia), no centro-oriental da provincia. Foi declarado Parque Natural en xuño de 1997, sendo o cuarto da comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button