CulturaCulturaÚltima hora

Ábrese a convocatoria para participar na sétima edición de Córgomo Arte

Nesta edición esta mostra, que poderá verse en Córgomo (Vilamartín) en decembro, levará por título “Sete” e abordará “a obra de arte desde unha perspectiva máis técnica”

 

Imaxe dunha das pezas que podían verse na pasada edición de Córgomo Arte (Vilamartín)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ata o 25 de novembro deste ano ás 00h. estará aberto o prazo de presentación de propostas para a sétima edición de Córgomo Arte, un proxecto expositivo que nacía na citada localidade vilamartinesa da man dos artistas valdeorreses Manuel Conde e Torino. Neste ano o título da mostra será “Sete”.

Nesta nova convocatoria, aberta a artistas de diferentes disciplinas (pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videoinstalación…), abordarase “a obra de arte desde unha perspectiva máis técnica, a xeometría, a proporción, a perspectiva, etc. que se agochan nos fundamentos da creación artística”, segundo a organización do certame.

Cada un dos participantes só poderá presentar na mostra un máximo de dúas obras e no caso de tratarse dunha instalacións, só se admitirá unha, segundo as súas bases. Os creadores interesados poderán enviar unha solicitude ao correo valdegodos@gmail.com cunha breve descrición da obra ou obras, “na que se xustificará ou se establecerá unha relación entre a peza/as e a temática escollida para a presente edición. Deberán constar os datos técnicos da obra (título, técnica, medidas) e adxuntarase unha fotografía da mesma. Asimesmo incluiranse datos persoais e de contacto”.

A selección das obras estará ao cargo do comité organizador do certame que valorará “a calidade da obra e a súa adecuación ao tema escollido para a presente edición. Os artistas seleccionados serán notificados por correo electrónico e a través do seu teléfono de contacto”, segundo as bases do certame.

Artigos relacionados

Back to top button