ConcellosDeportesGalerías de fotosÚltima hora

Ábrese a pista de pádel do Barco de Valdeorras

A Concellería de Deportes presentou a programación deportiva nesta instalación recentemente rematada

Faltaban unhas tiras de cor para sinalar o cristal e agora si, a pista de pádel situada na rúa Calabagueiros, a carón do pavillón de deportes, está xa rematada. Así o aseguraba, na mañá do 19 de xuño, o concelleiro de Deportes do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, na propia instalación, onde presentaba a programación deportiva para o que resta de ano, con actividades organizadas polo propio Concello e tamén polos diferentes clubs.

Tal como explica Tino, o programa inclúe probas clásicas como os torneos de baloncesto 3×3, a carreira e andaina popular de San Xoán, o campus de fútbol, o curso de piragüismo, acampadas intermunicipais na natureza (a Vilarbó), a travesía a nado, a milla urbana, o trofeo de tiro con arco, a carreira dos santiños,… Pero tamén hai actividades novas entre as que destaca o campus de ciclismo previsto do 2 ao 7 de xullo no Salgueiral; o torneo de volei herba; unha exhibición de petanca nas pistas do Chao; ou unha das etapas do “Pilgrim MTB Experience Camiño de Santiago” a mediados do mes de outubro.

Con respecto ao uso da pista de pádel, as normas estarán colgadas na páxina web, destacando o procedemento para facer as reservas. O horario de uso será de luns a venres de 9 a 22:30h, os sábados de 10 a 22:30h. e os domingos de 10 a 13:30h. Para as reservas, que se farán no pavillón de Calabagueiros, por teléfono ou correo electrónico, haberá dúas tempadas: unha do 15 de setembro ao 15 de xuño; e do 16 de xuño ao 14 de setembro (no pavillón unicamente de mañá). Tamén intentarán dar a opción de facer as reservas via on line “para que o usuario poida saber facilmente se está libre ou non”, explicou o concelleiro, engadindo que os prazos de reserva serán de unha hora e media.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button