CulturaCulturaÚltima hora

Ábrese a segunda convocatoria do programa “O teu Xacobeo”, dotada con 3,3 millóns de euros

O seu obxectivo é “descentralizar a celebración do Ano Santo para que chegue a todos os concellos e incentivar a participación cidadá”, segundo o conselleiro de Cultura

 

Vén de abrirse a segunda convocatoria do programa O teu Xacobeo, dotada con 3,3 millóns de euros e que se publica neste venres 29 de novembro no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo desta convocatoria é “descentralizar a celebración do Ano Santo para que chegue a todos os concellos e incentivar a participación cidadá”, segundo vén de sinalar o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha visita ao CEIP Barouta, onde o alumnado está a participar na Semana Escolar do Camiño de Santiago,

Nesta convocatoria habilitaranse tres liñas diferenciadas. A primeira delas, que conta cun orzamento de 500.000 euros, está destinada a entidades locais nas que se dará prioridade aos municipios de menos de 50.000 habitantes. A segunda liña, dotada cunha achega de 1 millón de euros, permitirá impulsar os proxectos de pemes e particulares. E a última das liñas permitirá, grazas a 1,8 millóns de euros, que boten a andar as propostas nacidas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Máis de 300 proxectos

Na primeira convocatoria de O teu Xacobeo foron concedidos máis de 300 proxectos, dos cales o 41% xa se realizaron ou están en marcha neste momento. Nesa edición o orzamento destinado pola Xunta de Galicia foi de 4,7 millóns e coa apertura desta nova edición xa son 8 os millóns achegados polo Goberno galego para a posta en marcha de proxectos de toda a sociedade.

“Ademais de fomentar a participación, O teu Xacobeo tamén está a permitir que a Administración autonómica avance no seu obxectivo de descentralizar o Camiño de Santiago e que o vindeiro Ano Santo se sinta en toda Galicia. De feito, grazas a primeira convocatoria, levaranse a cabo iniciativas nas catro provincias e o Xacobeo estará presente en máis de 140 concellos galegos”, segundo indica a Consellería de Cultura.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button