En portadaÚltima hora

Ábrese a tempada de pesca fluvial

A campaña vén de abrirse este domingo 17 de marzo con carácter xeral e rematará o 31 de xullo
Pescador no río Sil./ Foto: A.R.

En Galicia a tempada de pesca fluvial vén de iniciarse con carácter xeral neste domingo 17 de marzo e rematará o 31 de xullo. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Entre as novidades destacables desta nova campaña na provincia de Ourense está a creación de dúas novas zonas de adestramento no río Miño, na zona de Outariz, na súa marxe dereita e na zona de Rexa, na súa marxe esquerda ao seu paso polo Concello de Ourense; e no lugar A Ponte de Outeiro, augas arriba do límite superior do couto Terra Chá, ao seu paso polo Concello de Lugo. Así, o número de zonas de adestramento elévase a tres.

Outra das novidades é a inclusión do encoro de Cachamuíña, no Concello do Pereiro de Aguiar en Ourense, dentro das zonas habilitadas para a pesca de especies exóticas invasoras, como unha medida para o control e erradicación de determinadas especies invasoras como perca americana común, carpa, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal. Asemade, a orde recolle a decisión do Comité de Pesca de Galicia de reaxuste dos cupos por especie, coa finalidade de equiparar aos cupos de comunidades limítrofes e como medida de control de sobreexplotación dos recursos.

Con respecto ás diferentes especies (bogas, carpas, reos, peixes,…), a máis prezada polos pescadores nos ríos da provincia de Ourense é a troita cuxa captura, nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio. Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros.

Máis información na edición en papel de O SIL Deportivo de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button