OurenseÚltima hora

Ábrese a todos os concellos galegos a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local ante a crise do coronavirus

 

Ante a situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus a Xunta porá a disposición de todos os concellos galegos a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). “Ata o momento, só estaba a disposición daqueles concellos que asinaran convenio coa AGASP para a centralización do proceso selectivo de policías locais e auxiliares”, segundo sinala a administración autonómica.

Así, desde este luns e durante un prazo de cinco días hábiles, poderán acceder á bolsa preferentemente os concellos que teñen asinado convenio de colaboración (un total de 74 concellos). En canto remate ese prazo de cinco días, a bolsa abrirase a todos os concellos galegos que así o requiran, teñan asinado convenio ou non, para facilitar a cobertura de prazas no caso de que fose necesario ante a actual situación de crise sanitaria e de Estado de Alarma.

“Ademais de ampliar a listaxe a todos os concellos, tamén se facilitarán ao máximo os trámites. Deste xeito, para poder facer uso desta listaxe, os concellos só terán que dirixir a súa petición directamente á AGASP no enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando na súa solicitude que cumpre os requisitos esixidos para a contratación e comunicando tamén o número de prazas que solicita e o período da contratación. Cómpre lembrar que os concellos deberán comunicar esta contratación -de facerse efectiva- ao centro de coordinación da Delegación ou subdelegación de Goberno que corresponda”, segundo a información da Xunta.

A bolsa de auxiliares está composta agora mesmo por unhas 130 persoas. De ser necesario ampliar esta listaxe, a Xunta poderá incluír na mesma a todas aquelas persoas que, tendo superado o proceso selectivo para a categoría de policía local, non obtiveran praza no último proceso selectivo convocado.

Suspensión da actividade lectiva na AGASP

Cómpre recordar tamén que o pasado 13 de marzo, e en cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias, a AGASP suspendeu a súa actividade lectiva. Por esta razón, adiantou tamén a parte práctica co curso selectivo da 12ª promoción de policías locais que, polo tanto, foron enviados aos seus concellos de destino para reforzar a atención durante o estado de alarma. Son un total de 134 persoas que se distribuíron en 31 concellos. Chegaron aos concellos o pasado 16 de marzo e permanecerán nos mesmos ata o remate do Estado de Alarma, cando se reanudará a actividade lectiva.

Artigos relacionados

Back to top button