EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Ábrese a XXXVIII Feira do Viño de Amandi en Sober

A mostra, na que poderán catarse os viños dunha vintena de adegas, inclúe multitude de actividades complementarias cun protagonismo especial para a música

Co tradicional corte de bacelos, neste caso a cargo da Adega Guímaro (en lembranza da súa matriarca Concepción Pérez), abríase no mediodía do 24 de marzo a XXXVIII Feira do Viño de Amandi, en Sober. A partir de aí numerosas persoas percorrían o recinto feiral no que poden catarse os viños tintos e brancos dunha vintena de adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Así nesta edición o público poderá visitar os stands de Petrón (Doade), Malcavada (Rosende), Rectoral de Amandi (Igrexa-Amandi), Algueira (Doade), Rectoral de Gundivós (A Igrexa-Gundivós), Lucenza (Corbelle-Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Estrela (Vilachá-Doade), Guímaro (Sanmil-Brosmos), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Viña Cazoga (O Pacio-Amandi), Val da Lenda (Cantón-Amandi), Finca Cuarta (Outeiro-Proendos), Don Bernardino (Cima de Vila-Brosmos), Proencia (Sanxiallao-Proendos), Regina Viarum ((Doade), Cruceiro (Vilachá-Doade), Gullufre (Lobios), Viña Peón (O Barrio-Figueiroá) e Barbado (Proendos).

Durante a mañá eran xa numerosas as persoas, moitas delas procedentes da costa galega, que visitaban cada un dos expositores das adegas mentres soaba a música do grupo tradicional Érbedo. “Esta feira xa leva 38 anos e foi o xerme da D.O. Ribeira Sacra, é o noso escaparate anual e queremos tamén adaptala aos nosos tempos”, destaca o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

O rexedor apunta que ao longo destes case corenta anos de mostra “as adegas cambiaron moito e nós queremos tamén ir da man das adegas, é dicir, a feira hai que intentar mellorala e facer cousas novas, por exemplo, nesta edición cambiamos o formato dos stands. E, ao mellor o ano que vén hai que aumenter a carpa porque temos as previsións de que vai haber tres ou catro adegas máis”.

Na feira poden visitarse ademais os expositores de dous artesáns oleiros que elaboran diversos tipos de recipientes tradicionais relacionados co viño: Fingulus e Olería tradicional de Gundivós. Tamén nas proximidades do recinto hai diversos postos de artesanía en madeira e coiro, de produtos artesáns como licores, marmeladas e galletas, viños escumosos… e, por suposto, postos de pulpo.

O programa da mostra continuará na tarde do 24 de marzo, ás 17h., comezará a precata oficial da mostra na sala de catas da Oficina de Turismo, mentres na feira soará de novo Érbedo e ás 18:30h. tocará a Banda de Música de Sober. A música continuará ás 20h. no Centro Sociocultural de Sober cun concerto da pianista e gaiteira ourensá Cristina Pato, que será ademais a pregoeira desta edición da feira. E, pola noite, na praza do Concello actuarán Os Parentes (ás 22h.) e Gin Toni’s (23:30h.).

Os actos proseguirán na xornada do domingo, ás 10:45h. coa Charanga NBA, ás 11h. a Banda de Música de Sober fará un pasarrúas e, media hora despois, será a cata oficial da feira. A banda soberina tocará de novo ás 12:45h. e logo darase paso ao pregón de Cristina Pato. Tras el terá lugar a entrega de premios aos adegueiros galardonados. Durante a tarde volverá a soar a charanga NBA e a partir das 19:30h. haberá baile coa orquestra Suavecito. Nesta edición da mostra, o Concello homenaxeado será o da Pobra de Brollón.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira que é cedida polo Concello de Sober.
Máis información e fotos:
https://osil.info/cristina-pato-xungue-a-musica-e-a-cultura-vitivinicola-nun-concerto-en-sober/

Artigos relacionados

Back to top button