OurenseÚltima hora

Ábrese o período de información pública do expediente de honra á Coral De Ruada

Particulares e colectivos poderán adherirse ata o 9 de novembro, en recoñecemento á agrupación ourensá no centenario do seu nacemento
A Coral De Ruada celebra este ano o seu centenario.

O 5 de outubro cumpríase o centenario da fundación da Coral De Ruada e dende o Concello de Ourense súmanse á celebración, abrindo o período de información pública do expediente de honra.

En sesión plenaria do día 8 de xuño de 2018, o Concello de Ourense acordou, por unanimidade, “aprobar a incoación de expediente de honra a favor de Coral De Ruada como recoñecemento ao labor levado a cabo ao longo dos 100 anos de existencia en prestixio da música galega e das tradicións”, nomeando xuíza instrutora para as dilixencias á concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

Segundo se pon de manifesto no expediente o próximo 24 de xuño de 2019 cumpiranse cen anos da presentación da coral ao público e baixo a batuta do primeiro director, Daniel González, despois dunha longa tempada de reunións e ensaios dun grupo de amigos amantes da música, conseguiron crear unha masa coral propia adicada a música galega, capitaneados polo galeguista e creador literario Xavier Prado Lameiro.

Desde os seus primeiros anos de vida acadaron numerosos éxitos en todo o país e América, recibindo  prestixiosos recoñecementos públicos e distincións, entre as que destaca a Garabata da Bandeira ou a praca de ouro do Centro Galego de Bos Aires, a bandeira do Concello de Ourense, a Medalla de Ouro do Liceo Ourensán, a Medalla de Ouro da cidade de Ourense, entre outras, ademais de ter gravado nos seus discos e interpretado en auditorios de todo o mundo as cancións máis fermosas e populares da nosa música.

Ata o día 9 de novembro, todas as persoas e entidades que o desexen podarán participar no expediente, adherirse a el, achegar a documentación xustificativa dos méritos que estimen oportunos ou efectuar as propostas ou informacións que procedan para a xustificación dos merecementos da coral ourensá. As adhesións deberán presentarse a través do Rexistro Xeral do Concello ou asinadas telematicamente. Na páxina web do Concello www.ourense.gal, no apartado trámites/instancias, pódese descargar un modelo de escrito de adhesión.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button