OurenseÚltima hora

Ábrese o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2019

A feira científica celebrarase do 8 ao 10 de maio no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense

Dende hoxe e ata o vindeiro 11 de marzo está aberto o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2019, a maior feira científica de Galicia que se celebrará do 8 ao 10 de maio, coa saúde e os bos hábitos como temática central. Os proxectos relativos a este campo competirán polo premio da categoría especial do certame.

Iníciase así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole celebrará a XIV edición deste evento. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial.

As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. As 50 participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día. Tamén se abre hoxe na web a recollida de solicitudes de visita para grupos por parte dos centros escolares.

Co obxectivo de garantir o acceso a unha representación diversa dos centros de toda Galicia no certame, “limítase a catro proxectos a exposición por cada centro”, puntualizan dende a Tecnópole. Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición.

Á parte de montar a infraestrutura da feira e facilitar o desprazamento e a estancia dos participantes en Ourense, Tecnópole organiza actividades paralelas para eles e para os visitantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados cos aspectos científicos máis destacables da vida saudable (alimentación, actividade física e saúde), co obxectivo de promovela entre os escolares.

Ademais, hoxe lánzase tamén o desafío “Atrévete cos bos hábitos!”, que terá varias probas eliminatorias online ao longo dos vindeiros meses e que resolverá a súa fase final, de carácter presencial, durante a Galiciencia. Á súa vez, quedan convocados os concursos de fotografía para alumnos e profesores e de deseño da camiseta oficial do evento.

Artigos relacionados

Back to top button