CulturaCulturaÚltima hora

Ábrese o prazo do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2015

O certame está enmarcado no Outono Fotográfico e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo
Presentación do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea no CGAC.
Presentación do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea no CGAC.

A Asociación Proxecto Benito Losada vén de presentar as bases dunha nova edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que nacía hai tres anos ao abeiro do festival Outono Fotográfico de Ourense co obxectivo de “situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea” explican dende o colectivo.

Trátase dun concurso que premia propostas de carácter visual-fotográfico no discurso da fotografía contemporánea realizadas por autoras e autores de calquera nacionalidade e conta cunha dotación económica de 12.000 euros destinados á produción dunha exposición co proxecto gañador que itinerará durante dous anos e á edición dun libro.

As bases da edición do 2015 que se presentaron o luns 20 de xullo no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago pódense descargar na web do festival no que se enmarca o premio, www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 15 de setembro de 2015, e o fallo do xurado farase público o día 24 do mesmo mes.

A presentación contou coa presenza de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta; Francisco Javier Balado, deputado de Cultura da Deputación de Lugo; Xosé Lois Vázquez, director do festival Outono Fotográfico; e Vítor Nieves, coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Vítor Nieves. O barquense Nieves, debullou os puntos das bases, e falou “da importancia dun Premio así para a fotografía que até o de agora non existía ningún no noso País”.

Artigos relacionados

Back to top button