EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ábrese o prazo para pedir axudas de reestruturación e reconversión de viñedo

As solicitudes poderán presentarse ata o 16 de maio exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta
Superficie de viñedo na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Do 17 de abril ao vindeiro 16 de maio estará aberto o prazo para solicitar axudas para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar neste luns 16 de abril a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas para o ano 2018. O orzamento total desta liña é de 1,4 millóns de euros.

“Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas. Neste senso, cómpre matizar que a superficie mínima a executar rebaixase do 80 ao 50%, que de ser o caso levaría aparellada unha diminución da axuda aprobada”, segundo se informa dende a Consellería do Medio Rural.

Entre as principais novidades desta orde, que foi consensuada co sector a través dos consellos reguladores, destaca que “por primeira vez en Galicia se iguala a porcentaxe de subvencionabilidade dos plans individuais á dos colectivos, sen prexuízo de que estes últimos, entre outros criterios, sexan priorizados no procedemento de selección das solicitudes”, indica a consellería.

Outras das novidades son que a partir de agora cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual (ata o 31 de xullo de 2019) ou bianual (ata o 31 de xullo de 2020), con ou sen anticipo. Así mesmo, valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela.

A través destas axudas, a Consellería do Medio Rural pretende que “se leven a cabo os reaxustes estruturais necesarios para diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo seu redimensionamento. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez mais globalizado.”

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

Artigos relacionados

Back to top button