OurenseÚltima hora

Ábrese o prazo para presentar os carteis para as festas do Samaín e dos Magostos en Ourense

O premio do concurso para o deseño dos carteis estará dotado con 600 e 800 euros, respectivamente

Magosto na praza Maior de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Concellería de Cultura de Ourense vén de abrir o prazo de presentación dos carteis anunciadores para as festividades de Samaín, Festa de Todos os Santos (31 de outubro), e a dos Magostos  (11 de novembro ). Segundo as bases, poderá concursar toda persoa física ou xurídica, excepto as persoas gañadoras da anterior edición no caso de que aceptaren formar parte do xurado. O premio do concurso para o deseño do cartel dos Magostos estará dotado con 800 euros, e o de Samaín con 600. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata a segunda semana de outubro.

Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Samaín 2019” e “Concurso carteis Magosto 2019”, acompañados dunha declaración de responsabilidade da súa autoría e do seu carácter inédito, e debaixo un pseudónimo ou lema, así coma cos datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirán os sobres das obras que resulten seleccionadas. O xurado valorará o conxunto de debuxos presentados tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. A decisión do xurado será inapelable.

Samaín 2019

Este ano o Samaín incluirá como novidade a noite da Santa Compaña. Esta actividade consistirá en desfiles desde distintos puntos da cidade que pasarán polas rúas da zona vella -coas luces apagadas- e con remate na praza Maior. As procesións da Santa Compaña estarán compostas de diversas animacións escénicas. Ata o ano pasado, as actividades de Samaín remataban coa procesión das cabazas polas rúas da zona histórica. Un desfile para a cativada como colofón á unha tarde de xogos. Agora, esta programación amplíase a todos os públicos, e céntrase en revivir unha das tradicións máis ancestrais galegas.

Artigos relacionados

Back to top button