OurenseÚltima hora

Ábrese o prazo para presentar traballos aos premios de poesía e de creación literaria do Concello de Ourense

Tanto o "Cidade de Ourense" como o "Risco" contan cunha dotación de 6.000 euros máis a publicación da obra

 

Ata o día 4 de xuño ás 14 horas estará aberto o prazo para presentar traballos para os premios “Risco de Creación Literaria” e “Poesía Cidade de Ourense”, na súa edición de 2021.

As persoas interesadas poderán achegar as súas obras, a través do Rexistro Xeral do Concello, e optar aos premios dotados con 6.000 euros e a publicación do traballo gañador. As bases dos dous certames pódense consultar na páxina web do Concello de Ourense.

O “Premio de Poesía Cidade de Ourense” chega á súa edición número 37. Poderanse presentar obras en galego ou portugués escritas por persoas que non gañasen o premio nas 5 edicións anteriores. Deberán ser textos orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos e presentaranse baixo un lema. Autores e autoras que concorran desde Portugal poderán presentalos na Cámara Municipal de Vila Real.

Pola súa banda, á edición número 22 do Premio Risco de Creación Literaria” que convocan o Concello e a Fundación Vicente Risco, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, excluíndo teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. Poderán presentarse textos escritos en lingua galega, cunha extensión de entre 150 e 300 folios.

 

Artigos relacionados

Back to top button