Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

“Abrimos un curso político cun compoñente electoral en eleccións europeas e municipais”

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, visitaba Ourense xunto á presidenta do PSOE, Cristina Narbona

“O mellor que lle pode ocorrer a Ourense é que haxa un alcalde ou alcaldesa socialista porque cando gobernamos os socialistas a esta cidade foille ben e para iso os militantes e a agrupación local van ter un papel que xogar”, aseguraba na tarde do 20 de setembro o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no percorrido que realizaba pola cidade das Burgas xunto á presidenta do PSOE, Cristina Narbona.

Preguntado pola prensa sobre o candidato ourensán á alcaldía, Caballero indicaba que “seremos respectuosos cos procedementos e estrutura de primarias que temos no partido. Non me corresponde entrar a plantexar cal é o candidato en cada un dos lugares, senón traballar para ter os mellores candidatos/as e, cando teñamos unha candidatura, darlle o impulso necesario para que a cidade de Ourense conte cun alcalde ou alcaldesa socialista que sexa referente, que permita mudar o escenario de parálise e de fracaso que nos deixa o PP aquí”.

Caballero explicaba que esta viaxe a Ourense enmárcase na “campaña de traballo intenso que os socialistas estamos facendo a pé de país, percorrendo Galicia, visitando os concellos e falando coa cidadanía”. Nela, dicía, plantexan entre outras cuestións, a posta en valor dos “avances que este partido está levando a cabo co novo goberno socialista presidido por Pedro Sánchez”. Tamén están trasladando á cidadanía ” a construción dun proxecto de alternativa para Galicia, unha alternativa ao goberno da dereita de Feijóo” e achegando “unha folla de ruta en clave municipal”, abrindo “un curso político que vai ter un compoñente electoral en eleccións europeas e municipais no mes de maio do 2019”. Neste senso, Caballero avanzaba que o PSdeG vai abrir “todo o proceso de elaboración de candidaturas e de configuración de opcións electorais en cada un dos concellos”.

Xunto a el, Cristina Narbona comentaba que esta viaxe a Ourense responde a unha invitación “para establecer un diálogo cos militantes e coa sociedade no seu conxunto para explicar o que está facendo o goberno socialista, dar a coñecer moitas medidas que foron aprobadas nestes primeiros cen días”. Ademais Narbona sinalaba que tamén viña “a escoitar” de cara á elaboración do programa marco para as eleccións municipais, as autonómicas nalgunhas comunidades e as do Parlamento europeo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button