ConcellosÚltima hora

A AC RíoMola asume a organización e xestión cultural deste verán en San Xoán de Río

Entre as actividades propostas hai andainas, ciclos de cine e mesmo olimpíadas populares parroquiais
Melete, tenente de alcalde de Río; Kike, membro da comisión de festas; Luis, alcalde de Río; e Lulú e Fumón, membros da AC RíoMola, na reunión. /Foto: Xosé Miguel Pérez Blecua.

A xestión cultural de San Xoán de Río dá este verán un xiro de 180º. Polo menos iso é o que se deduce trala reunión celebrada o pasado sábado no Concello entre o goberno municipal e a AC RíoMola, á que tamén asistía a comisión de festas.

O primeiro tema da reunión era precisamente a confirmación por parte da comisión, da programación das festas de agosto de San Xoán de Río. Será o venres 11 e comenzará cunha misa solemne e posterior procesión, seguida da actuación dunha charanga e un xantar a base de polbo, empanada e cordeiro. Despois actuará a orquestra “D Tacón” en sesión de tarde e verbena.

Con todo, o punto central da reunión era a organización de actividades culturais neste verán en San Xoán de Río. O goberno explicou á AC RíoMola as actividades que xa estaban confirmadas e a AC RíoMola pola súa banda expuxo as liñas básicas da forma de traballo que teñen, asíu como as actividades que se pensaban facer dende a asociación. Tras unha negociación acordouse que a asociación cultural asumirá a organización e xestión de todas as actividades culturais do concello de San Xoán de Río deste verán (salvo o día da festa que organizará a comisión), comprometéndose a pechar esta semana o programa para o que queda do mes de xullo e agosto.

Entre as actividades xa propostas pola asociación, están a organización dunha andaina en colaboración co Clube de Montaña Trives, un maratón de fútbol sala, unha ruta BTT, a 1ª Romaría da Veiga, Olimpiadas Populares Parroquiais, un roteiro nocturno pola Fraga, un ciclo de cine, ou a celebración do Día da Bicicleta. Tralo acordo, o seguinte paso será plasmar todas estas actividades nun calendario e levalas a cabo.

O presidente da AC RíoMola, Xosé Miguel Pérez Blecua,  asegura que “chegou o momento de pasar a acción e transformar en realidade todas as ideas que antigamente non pasaban de conversacións de barra de bar”.  Con só un ano de vida esta asociación está activando a vida social, cultural e deportiva da localidade, consciente de que “a sociedade de Río demandaba un cambio e unha aposta seria e clara por unha programación potente e de calidade”, di Pérez Blecua, asegurando que “temos o dereito a poder equivocarnos, pero temos a obligación de polo menos intentalo, de desfrutar dos nosos éxitos e aprender dos nosos erros”.

Artigos relacionados

Back to top button