CulturaCulturaÚltima hora

A AC RíoMola dá a benvida ao outono cun concurso de fotografía en San Xoán de Río

A imaxe gañadora será portada do calendario para 2018 ademais de recibir varios agasallos

Nun par de días comeza o outono e dende a Asociación Cultural RíoMola queren darlle a benvida da mellor forma posible: cun concurso de fotografía sobre San Xoán de Río.

Para participar no certame que se organiza en colaboración con “Codi Foto”, a tenda de fotografía e video da Pobra de Trives, simplemente hai que facer unha ou varias fotos en San Xoán de Río e envialas a asociacionculturalriomola@gmail.com ata o 15 de outubro. “A inscrición é gratuíta e poderás gañar un magnífico premio se a túa foto é a que máis “gústame” obtén no Facebook da AC RíoMola”, explican dende a asociación cultural.

A idea do colectivo é facer un calendario para 2018 con 12 fotografías do concello de San Xoán de Río, unha por cada mes, e ademais outra de portada. A foto que gañe o concurso será a portada, e unha comisión de expertos en fotografía elixirá entre o resto as doce mellores para facer o calendario.

Entre o 16 e 31 de outubro poderanse votar as fotos que máis gusten entre as participantes e a que máis “gústame” teña o día 1 de novembro será a gañadora. Ademais a persoa que fixo a foto gañará un vale canxeable en “Codi Foto” pola impresión dixital de: 1 foto tamaño 20×30; 2 fotos tamaño 15×20; 3 fotos tamaño 13×18; 150 fotos tamaño 10×15; e un agasallo sorpresa.

 

Cartel do concurso de fotografía.

Artigos relacionados

Back to top button