OurenseÚltima hora

ACCU Ourense e a ONCE impulsan a atención integral en Crohn e colite ulcerosa

A asociación ourensá leva realizadas máis de 100 intervencións nestes 9 meses

 

A Fundación ONCE vén de apoiar o servizo de atención integral que implementa ACCU Ourense e que se viu reforzado este ano pola urxencia de proxectos sociais que poidan paliar os efectos negativos da crise do COVID-19, xa que como destaca o presidente da asociación, Fernando Jiménez, “as necesidades e inquietudes do noso colectivo ven agravadas pola situación tan excepcional que estamos a vivir ao que hai que engadir que somos persoas de alto risco debido a que hai pacientes con tratamentos inmunosupresores e con tratamentos biolóxicos ou biosimilares”.

ACCU Ourense leva realizadas máis de 100 intervencións nestes 9 meses e ademais “somos conscientes que o escenario crítico no que estamos alongarase e os servizos que ofrecemos faranse aínda máis indispensables nos próximos meses” comenta Fernando Jiménez. Entre as intervencións que se están desenvolvendo destacan as actuacións sobre saúde, atención social, impacto emocional e emprego que se realizan por vía telefónica e telemática tanto coas persoas usuarias como coas súas familias.

Ademais, proseguen dando continuidade a todos os proxectos que veñen desenvolvendo como a tarxeta aparcamento para Crohn e colitis ulcerosa, implementación de baños adaptados para persoas ostomizadas, os protocolos de atención educativa, proxecto irmán/a maior e acceso ACCU pola accesibilidade libre e inmediata a aseos en caso de urxencia, entre outros. Tanto é así, que dous destes proxectos resultaron finalistas dos premios autonómicos de innovación en saúde da Consellería de Sanidade e os premios provinciais de humanización da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button
Close